BBVA asinou en 2023 un Plan de Igualdade no que asume que ten unha Auditoría Salarial fallida.
Os sindicatos asinantes deron un balón de osíxeno de 18 meses no propio Plan para negociar un novo Sistema de Avaliación de Postos de Igual Valor. Os 18 meses remataron en xaneiro de 2025 e chocaron cunha OPA que, sendo o único importante nese momento, deixou na «lista de agarda» o desenvolvemento dun sistema que nos permita coñecer a fenda salarial real no BBVA. Cousa imposíbel até o momento.
En xuño de 2025 o banco convocou só aos sindicatos asinantes a unha xuntanza na que presentou un novo sistema para a avaliación de postos, non negociado.
A CIG non foi convocada e, como xa lle indicamos á empresa, a negociación deste novo sistema é unha competencia da Mesa Negociadora na que temos que estar todas as partes. Non se pode deixar fóra a ninguén baixo o pretexto de facelo a través dunha comisión de seguimento. Cada cousa para o que é. O Plan de Igualdade remata en 2027. Botade contas.
Celebramos este 8M con sobrados motivos para reclamar ao BBVA que se suba «de verdade» ao carro do feminismo, con plena consciencia:
- Queremos coñecer a Fenda Salarial real e os seus motivos.
- Queremos non ter que acadar os mesmos obxectivos se estamos en redución de xornada e salario.
- Queremos facer extensiva a concreción horaria como a mellor ferramenta de conciliación e non ter que renunciar ao noso salario.
- Queremos eliminar o chan pegañento que discrimina a tantas compañeiras e frustra carreiras e talento.
- …(escribe o teu motivo)
Sobran os motivos para saír á rúa, tamén por unha igualdade real no BBVA, porque o 8M vai de loita e reivindicación, súmate á CIG!

Feministas e Combativas
En loita pola nosa Dignidade!
116 anos despois de celebrarse a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, orixe da conmemoración do 8 de Marzo como Día Internacional das Mulleres Traballadoras, facemos un chamamento a debater sobre a situación social e política que atravesan as mulleres traballadoras galegas e a expoñer que medidas deben adoptar os gobernos e as patronais para rematar coa situación de discriminación e precariedade.
Se no ano 1910 as mulleres denunciaban a carestía dos alimentos, as duras condicións laborais, os baixos salarios e a fin dos conflitos bélicos, non será até o ano 1977 cando as Nacións Unidas proclamen o Día para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.
A CIG mantén a perspectiva de clase e a orixe que deu lugar á xornada de loita internacional denunciando que:
- Pese a que as mozas galegas puideron acceder de maneira masiva a estudos superiores, seguen abocadas a emigrar se queren emanciparse e acceder a unha profesión acorde aos seus coñecementos e a unha vivenda digna.
-
Un posto de traballo nas distintas administracións públicas (sectores claramente feminizados) non garante hoxe en día un salario nin condicións dignas, como tampouco superar a fenda salarial.
A falta de persoal precariza as condicións de traballo. - O recorte de persoal no ensino público, nomeadamente en atención á diversidade, así como a precarización do servizo e das condicións laborais nos sectores de infantil 0–3, centros de menores e de atención á discapacidade, afondan na desigualdade social.
- O desmantelamento da atención primaria, as listas de agarda e a falta de camas nos hospitais, xunto cun enfoque da saúde que non ten en conta os procesos físicos e psicolóxicos que afrontan as mulleres, a falta de recoñecemento de doenzas relacionadas con enfermidades profesionais, e a inexistencia de coeficientes redutores de cara á xubilación en ocupacións feminizadas dificultan unha vellez digna.
- O modelo privatizador do PP non só afecta a sanidade. Os continuos recortes e a privatización dos servizos sociais, para a igualdade e atención á dependencia deterioran o servizo público, imposibilitando que as persoas maiores ou con doenzas incapacitantes poidan acceder aos coidados, precarizando o tipo de empregos que se crean para este fin e obrigando as mulleres a que asuman ese rol coidador de balde.
- As traballadoras galegas seguen ocupando maioritariamente traballos temporais e a tempo parcial. A fenda salarial acúrtase só por mor da suba do salario mínimo. Pero cada vez hai máis traballadoras pobres, o cal vai determinar as prestacións futuras (lembremos que as pensións da Galiza seguen a ser as máis baixas do estado).
- Os traballos feminizados seguen a ser minusvalorados económica e socialmente malia os intentos lexislativos para identificar e diminuír a fenda salarial. Cómpre o incremento salarial das profesións feminizadas e esixir que o réxime especial de persoas empregadas do fogar sexa regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, con retribucións acordes a importancia dese labor.
- Os permisos e licenzas deben axustarse aos novos modelos familiares. Tanto a recuperación do parto como a situación de lactación natural debe garantirse até os 12 meses que recomenda a OMS por medio dunha prestación económica específica para amparar ámbalas situacións. A incorporación ao traballo ten que ter lugar con todas as garantías tamén en canto á protección de riscos laborais.
- As denuncias de acoso e violencia no traballo deben ser investigadas con celeridade e concluír con sancións exemplarizantes no caso de comprobarse os feitos, e naquelas situacións que non fique acreditado por falta de probas, farase un seguimento dos riscos psicosociais asegurando que non se produce máis dano. Os protocolos de prevención e actuación existentes deben revisarse e simplificarse para garantir a axilidade dos trámites. E debemos esixir, naquelas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo, que se dispoña dun dispositivo de alerta xeolocalizado que permita facer unha chamada de emerxencia, alén dos protocolos e plans de prevencións correspondentes.
Fronte a esta situación, temos que mobilizarnos e rematar co silencio fronte aos ataques. Do mesmo xeito que fixeron as antergas nas manifestacións populares xurdidas contra o descontento coa situación económica e social da época loitando por obter produtos básicos a prezos xustos, denunciando os abusos no traballo (a folga das cigarreiras en 1857, a das lavandeiras de 1907, as «revoltas da fame» e as «revoltas das pedradas» do ano 1918), contra o peche de empresas e o ataque ao medio de vida (conflito da conserveira Odosa, na Illa de Arousa no 1989; a loita de Caramelo no 2009 así como a das teleoperadoras contra a deslocalización, dependentas de Inditex no 2017, as folgas de mulleres de 2018, 2019 e 2021, o conflito da limpeza de Lugo no ano 2024, as do SAF e residencias, así como as do profesorado e da sanidade pública no ano 2025, entre outras) demóstrase que só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos avanzar.
Desde o feminismo galego e de clase comprometémonos a loitar contra as discriminacións incorporando a perspectiva de xénero na nosa acción sindical, animando as mulleres traballadoras de calquera sector a afiliarse á CIG, participar nas candidaturas ás eleccións sindicais, combatendo o capitalismo, o imperialismo, o colonialismo, o machismo, o racismo e o fascismo con rebeldía.
MOBILÍZATE COA CIG O 8 DE MARZO
Compostela ás 11:30 horas dende a estación de trens
Pola tarde, participa nas mobilizacións organizadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]

Ningún comentario:
Publicar un comentario