28 de xaneiro de 2011

Masiva participación nas mobilizacións e importante seguimento da Folga Xeral

A CIG amosou hoxe a súa satisfacción pola masiva participación da clase traballadora nas distintas mobilizacións celebradas por todo o país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada para rexeitar a reforma das pensións do Goberno español. A central estima que arredor de 80.000 persoas saíron á rúa nas principais cidades e vilas de Galiza nunha xornada histórica para o sindicalismo nacionalista galego ao conseguir sacar adiante o paro en sectores importantes a pesar do contexto de grave crise, do boicot dos medios de comunicación e do acoso policial.

12 de xaneiro de 2011

Algúns datos para coñecer a gran mentira da reforma das pensións

1. O grupo de economistas que fai os informes para a Unión Europea, para a OCDE e para o Goberno, están contratados e pagados polo BBVA, Banco de Santander e CEOE.

Oito preguntas arredor da reforma das pensións

O Goberno español continúa na súa política de entrega á defensa dos intereses da banca e das empresas multinacionais e agora tócalle á reforma do sistema público de pensións, unha fonte de recursos pola que leva moitos anos suspirando a oligarquía financeira, promovendo continuamente informes, pagados pola propia banca, nos que se anuncia, de forma interesada, a quebra do sistema público de pensións, predicións que nunca se cumpren pois carecen de todo rigor científico.

5 de xaneiro de 2011

A CIG convoca folga xeral o 27 de xaneiro

Folga Xeral

A Confederación Intersindical Galega (CIG) ten convocada unha nova para o vindeiro 27 de xaneiro en contra das políticas «anticrise» adoptadas polos gobernos, nomeadamente a pretensión de reformar o sistema público de pensións, que o Secretario Xeral cualificou como «o maior ataque aos dereitos da clase traballadora dende o franquismo». A central anima a CC.OO e a UGT a sumarse á convocatoria, que coincide no tempo co paro xeral anunciado polos sindicatos vascos, e adiantou que está disposta a flexibilizar a data de cara a consensuar un día común, co obxecto de fortalecer a resposta social. En todo caso, a convocatoria de folga xeral realizarase antes do 28 de xaneiro, xornada marcada polo goberno español para sacar adiante a súa proposta de reforma das pensións.