Estase a cargar, agarde un momento por favor!

1 de decembro de 2016

Campaña para alertar sobre as políticas comerciais das entidades financeiras e o deixamento cómplice da CNMV

Decidimos iniciar unha campaña co obxectivo de denunciar as agresivas políticas comerciais das entidades e a actuación da CNMV. Temos dereito a protexernos fronte ás direccións e temos o deber de alertar á sociedade. Transcribimos para todos e todas vós o escrito que diriximos aos Grupos do Parlamento Galego. Con posterioridade solicitaremos reunións con Grupos do Congreso e do Parlamento Europeo.

Carta aos Grupos Parlamentares:

«Despois dos numerosos escándalos pola actuación das entidades financeiras, nomeadamente pola mala praxe na colocación en tramo minorista de produtos financeiros complexos, a autoridade bancaria europea (ESMA) puxo en marcha unha normativa co obxectivo de protexer á clientela que debería ser trasladada á lexislación por parte dos Estados.

Independentemente da consideración que nos mereza esa lexislación europea, o certo é que os pasos dados polo Estado español até este momento foron nulos, cando non na liña contraria do fin perseguido.

Estamos nun escenario no que os xuros artificialmente baixos diminúen as marxes das entidades financeiras, que están poñendo en marcha estratexias para que o aforro da clientela se derive dos clásicos depósitos cara a produtos financeiros de terceiros con maior risco (fondos de investimento, seguros, etc). Deste xeito a banca obtén comisións das xestoras, unha política que vén auspiciada polo novo modelo financeiro impulsado por Europa.

Ao diminuír os xuros, baixo a rendibilidade dos depósitos amparados polo Fondo de Garantía, a clientela, como saben as Direccións das Entidades, é máis proclive a atender recomendacións para contratar produtos sen coñecer realmente o que están contratando.

Ademais, os cadros de persoal sofren grandes presións, enfrontándose a uns obxectivos crecentes de colocación deste tipo de produtos financeiros, nun marco de reestruturación do sector con numerosos Expedientes de Despedimentos constantes. E sofren as políticas comerciais baseadas no modelo de traballo por obxectivos, estudadas para incrementar as vendas e orientar a clientela cara a produtos que non demanda.

Para rematar, a actuación da CNMV, nun escenario que ten todos os ingredientes para novos escándalos, é nefasta e de clara colaboración coas propias entidades dende unha óptica política liberal do «laissez faire».

É por iso que dende a Federación de Banca da CIG entendemos que sería positivo poder manter un encontro co seu Grupo Parlamentar, tanto co obxectivo de alertar sobre esta situación, como para valorar iniciativas que se traduzan nunha maior protección á clientela.»

Non podemos calar ante a situación que estamos vivindo. Demandamos outras políticas comerciais respectuosas coa clientela e cos cadros de persoal.




Ligazón relacionada:
Boletín sindical:  [.pdf · 404 kB]




Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Comunicado 161201 [.pdf • 180 kB]


Ningún comentario: