Estase a cargar, agarde un momento por favor!

14 de marzo de 2016

Xunta de Accionistas BBVA 2016 
Todo cambia, todo se transforma pero todo segue igual


Xosé Miguel Fernández e Carmen García na Xunta Xeral de Accionistas BBVA 2016

As 12 da mañá, con puntualidade británica, deu comezo a Xunta de Accionistas no Pazo Euskaldún. Os actores principais, Francisco González e Carlos Torres, saíron ao escenario para saudar ao público e recibir unha benvida medida e controlada ao milímetro.

A contabilidade é o que ten, que é coma o chicle

Expuxeron as cifras de 2015, ano no que o grupo acadou un resultado atribuído de 3.752 millóns de euros, un 43% máis que o ano anterior. Cifra que obstinadamente púxose en valor, fronte o escueto 0,9% de incremento real que queda, contando as operacións corporativas (Garanti, China, Cataluña Caixa, etc.) que restan 1.109 millóns en balance. Por non falar dos 4.339 millóns de euros en perdas por deterioro de activos, que ninguén se molestou en explicar (aí non hai responsabilidades). E moito nos tememos que este ano vai ser máis do mesmo, porque a intención é sacar a pasear o talonario e proseguir coas compras. Prioridade estratéxica lle chamaron. O proceso de transformación non vai parar.

Quenda de intervencións

Este ano pedimos a palabra a gran maioría da representación sindical no banco. Os temas sacados á palestra: os horarios que nin se cumpren nin se pagan (parece que agora estamos todos máis preocupados por este tema), a conciliación, a ausencia de paridade, o fomento do presencialismo, o convenio, o desbloqueo do plan de pensións (o noso claro, que hai outros que se actualizan que dá gusto), o cambio do sistema de retribución variable, a preocupación porque a empresa auditora leva 12 anos consecutivos (pero para o banco non supón ningún conflito de intereses)…

O Sr. González, que anos antes contestaba unha por unha as intervencións, agora xa nin se toma a molestia e fixo unha resposta conxunta agrupada por temas.

Os Sindicatos:

«Quere diálogo aberto cos sindicatos, coma sempre houbo». Frase que sorprende porque cada vez a empresa amosa menos vontade de dialogar, porque impoñer non é dialogar. «Comprende as nosas preocupacións». Pero polo que se ve non as comparte. «Empeñámonos en ver só o negativo». Debe ser unha teima que temos, pero é que a realidade é coma un muro. «Somos a primeira entidade do mundo en relacións laborais e BBVA é un sitio moi agradable para traballar». Que llo lembren a esa «marabillosa rede física», como a chamou, que están empeñados en desmantelar para favorecer unha rede dixital que ten que saír, si ou si. «Temos moitísima xente que quere traballar con nós e por algo será». De crise e paro, non fala nada.

Sobre o , repetiu o mantra da AEB: «quere cambios, porque o convenio que temos non responde as necesidades do século XXI». É de supoñer que fala das necesidades da empresa, porque o que é do cadro de persoal, só se lembrou del para agradecer o esforzo, pero nin unha soa mención aos problemas que lle puxemos por diante.

A Igualdade:

Compañeiras… a seguir agardando! O presidente di que é consciente da importancia da muller, que é a metade do cadro de persoal, e fala de «mulleres que loitan con moitas dificultades, porque son nais, son traballadoras e por riba teñen que coidar das súas familias. Fai falla un tempo para que a muller acade a equiparación e siga escalando na organización». De poñer medios para favorecer isto, nada de nada. De reactivar o plan de igualdade, nada de nada. Non vai con el o tema.
E, xa para rematar, como houbo quen cuestionou un liderado tan longo e sen sucesión, a resposta, fulminante, foi lapidaria «o ser vello ou novo non significa nada».

Aí queda iso.

O noso discurso íntegro, coas vosas demandas, que de seguido podedes ler.



Intervención da CIG
Xunta Xeral de Accionistas BBVA 2016




Señoras e señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demais asistentes a esta Xunta:

Chámome Carmen García, son empregada de BBVA e acudo a esta Xunta como portavoz da Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato máis representativo e con presenza maioritaria en BBVA .

Un ano máis, estou aquí para falarlles da realidade que vivimos entre o cadro de persoal a quen teño a honra de representar. Unha realidade que no concorda coa oficial, de informes e presentacións públicas.

Sr. Presidente, falemos de banca responsable.

Falemos de igualdade de oportunidades.

Carmen durante a intervención na XXAA BBVA 2016
Carmen García durante a súa intervención na Xunta Xeral
Como muller e empregada desta casa, observo por un lado as novas caras femininas no máis alto de nosa organización. Na Dirección de BBVA España, en Cultura e Talento e, a finais de 2015, tamén na nosa territorial Noroeste. Pero a outra faciana da moeda, para quen o queira ver e revisar (e sen dúbida alguén debería facelo), está en todas esas remocións, demasiadas veces con cara feminina, que acompañan os cambios de función que vivimos a cotío nas oficinas e departamentos. Cando non son baixas «voluntarias» en busca de outra vida. Queremos mulleres aportando de xeito diferencial en toda a escala organizativa. Pero se observamos o censo de persoal feminino, se a partires do nivel VI non vemos discriminación, é que non queremos afrontar a realidade, non queremos ver o problema.

Para cando un novo plan de , que revise e actualice fórmulas de equilibrio entre homes e mulleres? Que teña en conta as súas circunstancias persoais, á hora de enfrontar o seu traballo? Somos unha empresa de persoas, por e para persoas. O ambiente de traballo, as facilidades para conciliar a vida persoal e laboral, son fundamentais, e quedamos atrás cando non lle damos a importancia que ten. Quedamos atrás, cando non temos en conta o que o cadro de persoal precisa para traballar coa seguridade, coa tranquilidade que dá o respecto cara as persoas e as súas circunstancias.

Falemos de condicións laborais.

Na , por primeira vez na historia, somos menos de 1.000 persoas traballando. É un dato negativo, porque cada vez somos menos para atender unha carga de traballo que se viu incrementada de xeito exponencial por todos os procesos de reestruturación vividos. E que nos obriga a alongar a nosa xornada laboral de xeito crónico, non só para acadar uns obxectivos desmesurados, senón para poder atender as demandas do día a día. Non existe recambio xeracional e a escasísima incorporación de persoal de nova entrada non chega, nin por asomo, a cubrir os postos necesarios para afrontar o noso traballo cun mínimo de garantías de calidade tanto para a clientela como, en termos de saúde laboral, para o cadro de persoal. A contratación temporal non resolve este problema, porque non podemos aportar calidade sen saber con quen imos poder contar mañá. E a clientela, que deposita en nós a súa confianza, demandan persoal con continuidade e que cese esa moda de cambios constantes de traballadoras e traballadores nas oficinas.

E non esquezamos que a Rede, a base do noso negocio, segue a ser o parachoques onde cae e resólvese todo: o impacto dos cambios normativos que afecta a toda a base de clientes e clientas ou a transformación dixital, son exemplos. Non podemos descoidala, xa que necesariamente debe e deberá coexistir co negocio dixital como parte dun todo. E segue sendo a gran perdedora en todo este proceso de transformación. Sen dúbida.

Falemos de resultados, Sr. Presidente.

Vemos que no Estado español, os resultados amosan que se está a facer un gran esforzo para compensar os resultados negativos da área inmobiliaria. Ese gran oco, de preto de 500 millóns de euros (si, cada vez un pouco menos), pero que deixa na metade o magnífico resultado atribuído, de más de 1.000 millóns no Estado.

E ese esforzo, ese gran traballo, lamentablemente lévase a cabo en base a políticas de retribución variable inxustas e a sistemas de obxectivación abusivos e desproporcionados.

Actualmente, dende a EBA, máximo organismo europeo na materia, estanse a avaliar as políticas retributivas empregadas polas distintas entidades financeiras. Este organismo indícanos que unha das regras de ouro é que a retribución non estea só ligada a un obxectivo cuantitativo de venda. Indícanos que non se promova a comercialización dunha categoría específica por riba de outras. Ou que exista unha excesiva dependencia sobre o bonus, como principal fonte de ingresos. E considera inxusta a presión que se ten exercido e que se exerce sobre os cadros de persoal coa ameaza, expresa ou implícita, de accións disciplinarias ou da degradación laboral.

A EBA desaconsella expresamente determinadas prácticas que cualifica de indesexables, como que os bancos organicen competicións entre o seu persoal para que supere determinados límites de venda para obter premios. Xa que todo isto reverte na calidade da venda, loxicamente, e desaliña o interese do banco fronte ao da nosa clientela. E a conta de resultados está e estará lastrada polos froitos deste tipo de políticas, chámense provisións, perda de calidade de activos, multas por mala praxe e un longo etcétera&hellip:

Señoras e señores do Consello, o sistema de retribución variable desenvolvido polo BBVA é manifestamente inxusto. Sábeno vostedes e sábeo o persoal. É inxusto porque considera que a contribución de valor é cousa duns poucos. Inxusto porque estes poucos asegúranse ano tras ano que, o que se obtén polo esforzo de todos e todas, non reverte no conxunto do cadro de persoal. Inxusto porque, a aqueles e aquelas que quedan descolgados do sistema de retribución variable, se lles paga coa ameaza do Pool de baixo desempeño ou se lles descualifica como profesionais. E isto non só é inxusto, é inaceptable.

Non podemos pretender ser a banca do futuro e seguir empuñando o látego laboral do «hai que facer», como única premisa, sostido polas maneiras do século pasado.

Debemos gañar cartos, si, pero dun xeito responsable tanto para a nosa clientela como para o persoal da entidade, cun compromiso que non pode ser nunca cuestionado, porque o noso posto de traballo é o noso medio de vida e o das nosas familias. Non o esquezan nunca.

Bos días.






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 160314 [.pdf • 285 kB]


Ningún comentario: