Estase a cargar, agarde un momento por favor!

24 de febreiro de 2015

Arranca, parcialmente, a negociación do Convenio da Banca

Unha vez realizadas as eleccións sindicais no sector, o 23‐F arrancou a negociación do Convenio Colectivo Estatal da Banca Privada, na que a CIG estará novamente presente grazas ao voso apoio. A patronal, semella que aproveitando a data, anunciou que pretende dar un golpe as condicións laborais.

As negociacións de todos os Convenios de carácter estatal, están paradas a expensas do que denominan «Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva», que negocian dun xeito excluínte os sindicatos centralistas e as patronais de Madrid. Nese senso xa houbo unha cesión previa por parte de CC.OO e UGT que afectará a todos os Convenios, incluídos o da Banca Privada: os salarios non subirán en consonancia coa suba do custe da vida.

Malia que a negociación do Convenio Colectivo da Banca Privada, non avanzará dun xeito cuantitativo até que non se peche ese «Acordo Interconfederal», na reunión do 23F marcáronse as posicións que cada quen defenderá durante a negociación.

A patronal explicou que pretende modificar totalmente o Convenio. Falan de adaptalo aos novos tempos pero, en realidade, trátase de recortar con carácter xeral as condicións laborais, aviso ao que estamos afeitos no inicio de calquera negociación, pero que neste caso vese amparado polo marco normativo creado polas sucesivas reformas laborais.

Dende a CIG explicamos que levamos 4 anos de empeoramento das condicións laborais e importante perda de postos de traballo. Fronte a intención de desregular as condicións laborais no sector, defendemos a negociación colectiva como un instrumento válido, tamén para a recuperación poder adquisitivo dos bancarios e bancarias. Neste senso seguimos apostando por un Marco galego de negociación colectiva.

Transmitimos que os traballadores e traballadoras non aturan máis a política empresarial de espremer o limón, que ademais é ineficiente e ineficaz para as empresas. Demandamos unha recuperación efectiva da xornada laboral. A desregulación horaria provoca tamén un empeoramento da saúde laboral do persoal e dificultades á hora de conciliar. Non podemos seguir nesta situación.

A banca privada xa superou a crise, aí están o resultados do ano 2014, pero ademais conseguiu incrementar a súa cota de mercado a costa das antigas caixas (os seus competidores directos). É o momento de responder socialmente creando emprego estable e de calidade no sector. Ademais actuaremos en defensa e mellora da carreira profesional. Lembramos que no anterior convenio fixeramos unha proposta completa e moi acaída, a partires da cal daremos a nosa vindeira proposta.a As vindeiras reunións quedaron fixadas para os días 17 e 25 de marzo.




Convenio Galego Xa!
Comunicado 150224 [.pdf • 145 kB]





Ligazón relacionada:
Folla de afiliación: http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]

Ningún comentario: