Estase a cargar, agarde un momento por favor!

19 de setembro de 2014

Poderoso cabaleiro é Don Diñeiro

Onte, 18 de setembro, a CIG, sindicato maioritario e máis representativo de Galiza, NON asinou o acordo de medios proposto pola empresa na mesa de relacións laborais en Madrid. Este acordo, cociñado co amparo dos sindicatos estatais e feito á medida deles cunha clara intención: repartirse o pastel sindical e deixar fóra aos sindicatos nacionalistas, históricos representantes dos pobos Galego, Vasco e Catalán, historicamente tamén máis belixerantes coa empresa e coa independencia de criterio como bandeira, primando os intereses das persoas as que representan, vós, fronte os da empresa.

Lembro a frase dun empresario… «que doado sería traballar se non existisen os sindicatos»… Seica botaba en falla os sindicatos verticais de tempo atrás. Pois semella que ese día xa chegou a BBVA. Onte CC.OO, UGT, Cadros e CGT veñen de perpetrar unha das maiores accións antisindicais da longa historia desta empresa, asinando a renuncia expresa á liberdade de actuación, á liberdade de expresión, mediante a aceptación formal da inxerencia da empresa en asuntos que non lle son da súa competencia. E non porque o digamos nós, senón porque así o estipula a Lei vixente, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical e o Estatuto dos Traballadores, que defenden a independencia dos sindicatos como única garantía destes para poder representar e defender os intereses dos traballadores e das traballadoras.

Se o banco ten que dar a súa aprobación a quen é ou non é representante sindical… que garantía tendes vós, compañeiros e compañeiras, de que as persoas elixidas van ter posta a súa prioridade nos vosos intereses? Credes que pasarán a criba as máis críticas? NON; xa se encargarán de darlle o paso aos palmeiros, aos manipulables, aos peóns que lle sirvan os seus propósitos e lle fagan máis doada a súa folla de ruta.

marioneta/títere

Se se acepta a supervisión, o control do banco no ámbito da comunicación co cadro de persoal… á hora de pasar esta CENSURA, canto do que vos interesa vai quedar escurecido polo ánimo do censor? Canto quedará na propia autocensura de quen redacta?


Non é sorprendente que CC.OO, UGT e Cadros asinen acordos vergoñentos nesta liña… Ao fin e ao cabo, son os sindicatos da empresa. E agora tamén se une a eles, unha vez máis (lembremos a súa sinatura amparando o horario partido de asesores financeiros, por poñer un exemplo, que abriu a porta á xornada partida no BBVA), CGT, que levanta a careta e queda ó descuberto. Que non vos enganen as súas verbas, compañeiros e compañeiras. Porque as palabras sen feitos se converten en enganos. E, nisto, son todos iguais.

Nós negámonos no pasado e volvémolo facer agora, a costa de sufrir represalias pola empresa que, ao amparo de eternos recursos legais, nega o que conceden a Lei e máis os Xulgados de forma cristalina e como é de xustiza. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa nos deu a razón nesta materia do amparo das liberdades e, inda que tarde, confiamos plenamente no Tribunal Supremo, que permitirá poñer nomes e apelidos aos valedores da ignominia. As rodas da xustiza van lentas pero van…

Porque non chega con cambiar de dono, fai falla deixar de ser servo…




Comunicado 140919 [.pdf • 31 kB]



Ligazóns relacionadas:



Folla de afiliación: http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]

Ningún comentario: