Estase a cargar, agarde un momento por favor!

6 de marzo de 2014

8 de marzo

Non estamos para festas, nin frivolidades. Para nós o 8 de marzo é unha data para a lembranza dunha loita aínda vixente e pendente de acadar. As mulleres da CIG seguimos na procura do recoñecemento dos nosos dereitos máis fundamentais; na confrontación contra unha crise económica, coa que se pretende a consolidación do sistema capitalista patriarcal, que xera fame, miseria, desemprego e desarraigo, que nos nega o noso dereito a decidir como mulleres.


Nós, que non só somos traballadoras, que somos nais, avoas, irmáns…, estamos a vivir un dos maiores retrocesos nos nosos dereitos, xa non só laborais, senón tamén civís e humanos: á reforma laboral, aos recortes sociais, á privatización dos servizos públicos, ao incremento das taxas xudiciais, dos prezos das matrículas no ensino público, dos comedores escolares, aos recortes nas axudas económicas ou bolsas estudantís, á suba de impostos, ao copago-repago nos servizos de atención a dependencia, ao copago-repago farmacéutico, á eliminación da universalidade no acceso aos servizos públicos de saúde, á redución dos salarios, ao abaratamento do despedimento, á reforma das pensións, ás altas cifras de desemprego, á emigración da mocidade, aos desafiuzamentos, etc., temos que sumar tamén un marco lexislativo que nos retrotrae a épocas do franquismo: Reforma do Código Penal, Anteproxecto de Lei para a protección da seguridade cidadá, Reforma das Mutuas, ou o ultraconservador Proxecto de Lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada.

As políticas do PP pasaron do recorte económico ao recorte ideolóxico. Do recorte de dereitos, ao recorte de liberdades. Todas estas iniciativas están deseñadas para empobrecer a clase traballadora, e tamén para criminalizar a protesta, co obxecto de minimizar a forza da nosa resposta.

Obedecen a unha estratexia da dereita de devolver as mulleres ao rol reprodutivo e de coidado, ou ben para explotarnos dobremente, pagándonos menos salario, e garantindo que contribuamos ao sistema facéndonos cargo das tarefas de coidado, ao tempo que desempeñamos o noso labor no campo produtivo, coas consecuencias que isto ten para a nosa saúde, para a nosa economía, e na protección social.

As mulleres traballadoras no BBVA tamén estamos nesta loita e seguimos reclamando unha maior presenza en tódolos niveis do escalafón da nosa empresa, cun maior impulso as medidas que favorezan a conciliación familiar e laboral. Esiximos un compromiso forte que se traduza en exemplos reais que permitan a integración da muller en tódolos niveis, intentando que o dilema entre vida familiar e laboral se reduza e remate por non existir.


Que non sexan soños senón dereitos!



Comunicado 140306 [.pdf • 46 kB]




Ligazóns relacionadas:

Díptico: 8 de marzo 2014 [.pdf • 0'6 MB]

Ningún comentario: