Estase a cargar, agarde un momento por favor!

29 de xaneiro de 2013

Avaliacións
Ao mal tempo, Que cara poñemos?

Comezamos 2013 e xa están aquí de novo os procesos de Catalogación e máis de Avaliación. Como en anos precedentes, queremos insistir en varias ideas que non por repetidas son menos importantes, de cara a ter claro como actuar dende o inicio do proceso.

Unha catalogación de REGULAR ou MALO, exclúevos de cobrar «sobre», de habelo.

En 2012, seguimos con constantes aumentos de obxectivos, a maioría das veces non entendibles, e coa imposibilidade de conseguilos, tanto pola súa dimensión como pola escaseza de persoal, con baixas de longo recorrido que non se cobren,… etc.
Se o ano pasado o persoal estaba preocupado, e con razón, de que o BBVA, para aforrar cartos na paga do AVE de febreiro, fixese unhas avaliacións á baixa… Este ano, seguimos na mesma e, coa dúbida razoable de saber se hai sobre que repartir…

O sistema, como estamos fartos de reivindicar, é perverso: Se a empresa quere remunerar a maiores certas consecucións de obxectivos, NON PODE FACELO VINCULÁNDOO AO NOSO EXPEDIENTE PROFESIONAL. As Avaliacións deberan medir o noso traballo e máis nada, sobre todo nun ano tan duro como foi 2012.

Isto por non falar da cara que nos queda a calquera de nós cando, despois de traballar aínda máis horas, aínda máis duro, aínda con menos e peores medios que en anos pasados, recibe unha mala avaliación baseada nos malos resultados da oficina, e non no esforzo realizado ou na calidade do traballo (cartos aparte, claro). Non é asumible e ten que ter unha resposta.

Temos que ir tomando conciencia de que A AVALIACIÓN É O NOSO EXPEDIENTE LABORAL e, no entorno actual, nestes tempos escuros que nos toca vivir no noso sector, pode ter unha relevancia maior e de moita máis gravidade da que tiña ata agora.

Velaí as nosas recomendacións para conter, na medida do posible, os posibles efectos nocivos dunha avaliación «en crise»:


  • A ENTREVISTA É OBRIGATORIA. Esixide que vola fagan e vos expliquen como e porqué vos xulgan e se non estades de acordo, dicídeo. Contactade con nós se non é así, e reclamade por escrito.
  • As avaliacións son o noso EXPEDIENTE LABORAL. Se non estamos de acordo e reclamamos por escrito, tanto se a modifican como se non, amosamos a nosa desconformidade dende un primeiro momento, o que pode ser moi importante chegado o caso de que nos queiran ofrecer unha baixa, un traslado ou un cambio de posto que non desexemos.
  • NON ACEPTEDES unha avaliación que entendedes inxusta baixo ningunha circunstancia. Non cobrar o AVE, pode chegar a ser o menor dos vosos problemas, se nun proceso de redución de persoal buscan «criterios obxectivos» para elixir á xente que «sobra».
  • CONTACTADE con nós. Aínda que podedes facer a reclamación pola vosa conta, contade con nós para asesoramento ou apoio fronte a empresa, que para iso estamos. Queremos saber, ademais, se o proceso transcorre con normalidade e respectando as normas ou non… para poder tomar medidas ao respecto.
Xa estamos a ver que é ao persoal ao que lle toca facer os meirandes sacrificios. Queremos que nesta empresa de «persoas» se nos trate co respecto que merecemos quen estamos a tirar do carro e continuamos cambiando a roda en marcha.




Comunicado 130129 [.pdf • 32 Kb]






Ningún comentario: