Estase a cargar, agarde un momento por favor!

22 de novembro de 2011

Festas de Outono...

Pasado de longo o verán seica hai moitos cambios, Para que todo siga igual?

O Proxecto CORE: O proceso pasou de ir a modiño e con retraso, a ter datas máximo a tres meses vista. Que roda do camión andarán a cambiar para que teñamos de súpeto tanta presa? Coas presas, ao persoal afectado polos cambios, se lle está a sinalar o seu novo posto sen máis e no último momento na maioría dos casos.


A informática: Esa si que é a nosa roda favorita, porque non a dan cambiado de todo por máis meses que pasen e, mentres, o persoal a sufrir maior carga de traballo, imposibilidade de cumprir adecuadamente o seu labor, ou a total desconfianza no funcionamento do sistema (que nunca sabes se te vai deixar cunha operación sen facer ou a vai repetir cinco veces). E como remate, as consecuencias psicosociais: ou un crecente estrés ou a apatía que xera a sensación de que dá igual o que se faga.
Denunciado está ata aburrir...

Os obxectivos: Inversamente proporcionais ao persoal, crecen e crecen. Logo dirán que non se acadan pola crise... Pero é que entre iso, a informática que non vai, que cada vez somos menos e que poñen cifras inalcanzables, témonos que preguntar se non será para xustificar unha baixada de cartos no Bonus. Dende logo, é un dos rumores constantes estes días.

A valoración de competencias: Para sorpresa de case todo o mundo, a araña vén de pata curta para esta tempada, e é que ao parecer, o que cumpre ben co traballo acredita un fermoso moi deficiente, e só o que se atopa no camiño da santidade corporativa, acada o aprobado. Dá a impresión de que a empresa busca unha vez máis un «paripé» que xustifique unha suposta transparencia nos seus sistemas de xuízo do persoal. Se de aquí se saca algunha lección é:

  1. Quen non estea de acordo coa súa araña, que o comunique por escrito e pida explicacións.
  2. Para a próxima, xa que todo é mentira, inflemos as notas, que protesten eles.

O que queda por vir: Temos pendente para final de ano o proceso de Catalogacións, outra perla transparente no sistema de BBVA, e despois virán as Avaliacións. Visto o ocorrido coa araña, temos que vos aconsellar estar moi alerta e esixir os vosos dereitos:

  1. O/a voso/a responsable ten que motivar tanto a catalogación como a avaliación. É parte do seu traballo.
  2. Se non estades de acordo con algo, podedes e debedes protestar, e é conveniente que o fagades por escrito para que quede constancia. Non esquezades que se trata do voso expediente laboral.
  3. Contade coa nosa colaboración para reclamar, asesorarvos ou acompañarvos fronte a empresa en calquera destes procesos, só tendes que chamarnos.

Pola nosa parte, non deixamos de traballar, pero precisamos da vosa colaboración para que nos fagades chegar os problemas o máis axiña posible e poidamos denuncialos ante a empresa. Para iso estamos.




Comunicado 111115 [.pdf • 36 Kb]


Ningún comentario: