Estase a cargar, agarde un momento por favor!

6 de xullo de 2011

Crear emprego para aliviar a sobrecarga de traballo e eliminar a extensión da xornada

Na sesión de hoxe (6 de xulio), dende a CIG defendemos a creación de emprego de calidade, sen intermediarios e polo Convenio de Banca (sen subcontratar), para liberar así a gran carga de traballo e a extensión ilegal de xornada á que se vén sometendo aos cadros de persoal na banca. Así pois, velaquí tedes o que expuxemos na Mesa do convenio:


Emprego
  • Contratación: A contratación será en todos os casos mediante contrato indefinido, cun período de proba de 3 meses. Calquera contratación temporal dará dereito á percepción dunha indemnización de 5 días por mes traballado, que se pagará rateada en cada nómina mensual. En relación aos contratos en prácticas e de circunstancias da produción, que en moitos casos derivan en fraude de lei, queremos limitalos.
  • Utilización de ETTs: Durante a vixencia do Convenio as empresas comprometeranse á non utilización dos contratos de posta a disposición. O persoal que durante os últimos anos fora contratado por medio desta modalidade, formará parte dunha bolsa para a súa incorporación ao cadro de persoal das empresas.
  • Integración de traballadores e traballadoras con discapacidade: Integración inmediata do 5 %  de persoas con estas características.
  • Subcontratación: Gran parte das empresas están subcontratando traballo claramente bancario e incluso deslocalizando o emprego a terceiros países. Esiximos un compromiso de non externalizar máis carga de traballo durante a vixencia do Convenio.
Formación
  • Para favorecer a conciliación da vida laboral e persoal, a formación farase dentro da xornada laboral, fixándose previamente á realización de calquera acción formativa, o tempo reservado a tal fin.
  • Comisión Interna Formación: Propoñemos a creación dunha Comisión Interna a nivel das empresas, na que se avalíe e deseñe toda a oferta formativa por medio de Plans de Formación, de xeito que permita que o persoal se forme e actualice favorecendo a súa carreira profesional.
  • Tamén promovemos a inclusión de compromisos específicos de formación en campos recentemente lexislados como Prevención ou Igualdade e Conciliación.
Responsabilidade Social
  • Non seremos nós quen avalemos a política social dos bancos. Nin na súa relación coa clientela (que padece unhas políticas comerciais abusivas), nin cos provedores (subcontratacións incluso en terceiros países sen control), nin co seu persoal.
Outros sindicatos admiten a necesidade expresada pola AEB de reducir persoal e apostan por crear no convenio colectivo un marco de despedimentos pagados, facilitando que as empresas podan desfacerse do persoal.

A vindeira reunión da Mesa desenvolverase o 20 de xullo. Seguiremos dándovos cumprida información do que nela aconteza.



Convenio Galego Xa!
Comunicado 110706 [.pdf • 31 Kb]




Ningún comentario: