21 de xullo de 2009

Últimas accións

Dende a Sección Sindical non deixamos de traballar para tentar mellorar á nosa situación, aínda que non nolo poñen nada doado. Vede aquí as últimas actuacións:

REUNIÓN DA COMISIÓN DE EMPREGO

O día 30 de xuño tivo lugar esta xuntanza da mesa de Relacións Laborais en Madrid contando coa nosa presenza. Aparte da inconveniencia da data elixida e de que a reunión debeu ter lugar antes de maio, pouco se aportou alí por parte da empresa.

Nembargantes, a representación sindical puxo na mesa o interese do persoal polo peche de todas as oficinas en todos os sábados do ano: CCOO, UGT, CC e Atexbank ademais de nós solicitamos que se abra urxentemente a negociación sobre o tema, e seguimos á espera dunha resposta de BBVA.

Asemade hai outros temas que deberían ser obxecto de negociación colectiva, e para os que sería conveniente loitar pola unidade sindical, para impedir as inxustizas que a plantilla está sufrindo día a día e máis dende a implantación do Proxecto Clima.

PROPOSTA DO PLAN DE IGUALDADE DE BBVA

Sen ter contestado a ningunha das propostas feitas para a realización deste Plan e do que a empresa aporta como diagnose (segundo a que todo vai xenial dende un punto de vista de xénero), sen cumprir as condicións legais para o inicio deste proceso, e cunha denuncia interposta ante a Inspección de Traballo por estes incumprimentos, BBVA segue avanzando pola súa conta para achegarnos unha proposta de Plan de Igualdade unilateral.

Nós seguiremos tentando que o proceso se reinicie dende o diálogo e a participación, único xeito, ao noso entender, de que dito Plan poida ser unha ferramenta útil en lugar dunha mera campaña de publicidade.

REQUERIMENTO DA INSPECCIÓN DE TRABALLO

Xa son varias as denuncias impulsadas pola CIG tanto dende os Comités de Empresa como dende a Sección Sindical debido ao repetido incumprimento por parte da empresa do seu deber de informar coa debida antelación á representación sindical dalgunhas das súas decisións con grandes repercusións para os nosos postos de traballo.

A Inspección dános a razón unha vez máis e require á empresa para que nos faga entrega dos modelos que se utilizan para os contratos dos equipos voantes de dirección e postos de administración.

É o método máis lento e costoso para todos nós, pero pola nosa parte non imos consentir que non nos acheguen a información á que por lei temos dereito para protexer os nosos dereitos.

MOBILIZACIÓN NA CORUÑA

O día 9 mobilizámonos fronte á oficina do Cantón, como forza maioritaria de Galiza, contra as repercusións que o proceso de reconversión que está a levar a cabo BBVA ten sobre o emprego, tanto en calidade como en cantidade.

Así, apoiamos as accións que CGT, xunto a UGT e CCOO están a realizar en protesta contra actuacións da empresa na nosa Territorial, aínda que fóra de Galiza.

A nosa Sección Sindical continuará as mobilizacións se así o cre necesario para amosar a súa oposición á reconversión de BBVA.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: