Estase a cargar, agarde un momento por favor!

21 de xullo de 2009

Reunión coa UTRH

O día 13 tivo lugar a última xuntanza cos representantes de Recursos Humanos da nosa Territorial, na que lles plantexamos os temas que vos preocupan segundo nos contades nas oficinas. Velaí os temas que pensamos que poden ser de maior interese:

MOBILIDADE NAS CBC:

Aínda que todos sabemos que o noso Convenio marca que a distancia máxima de mobilidade son 25 Km, o certo é que en máis dunha CBC se tende a cubrir as vacantes con persoal de outras oficinas. Ao parecer éste é o tratamento que se lle está a dar:

• Menos de 25 Km: Pago da quilometraxe ou outro transporte.
• Máis de 25 Km: Debe contar coa VOLUNTARIEDADE DA PERSOA.
• Págase o quilometraxe
• Págase media dieta.

Ao parecer existe unha póliza de accidentes que cubriría os posibles accidentes “in itinere” aínda que non coñecemos a alcance das súas coberturas, polo que temos solicitado dito documento e informarémosvos cando dispoñamos del.

Cremos que nestes casos pódense dar abusos porque sempre se desprace a mesma persoa, ademais de que entendemos que a distancia, o tempo que leva percorrela, e a cantidade de veces que se desprace a unha persoa da súa oficina cabeceira deben terse en conta para compensar axeitadamente os desprazamentos: CALQUERA QUE PENSE QUE MERECE MAIOR COMPENSACIÓN (por exemplo en tempo libre polo investido nos desprazamentos), pode contactar con nós para que o reclamemos ante RRHH.

PREXUBILACIÓNS E PECHES:

Polo que nos din non se pode contar con que teñamos prexubilacións para este ano.
Sobre os peches de oficinas, nos comentan que contan con que haxa máis no mes de outubro, pero polo de agora non adiantan máis información sobre o tema.

REVISIÓNS MÉDICAS:

Como xa vos advertiramos o ano pasado, cambiou o xeito de facer as revisións:

• Agora a mutua convoca por correo electrónico, independentemente da provincia na que se estea, cada dous anos aos menores de 50 anos e, cada ano, aos maiores de 50.
• Se pasado o prazo que marca dito correo non se seguen as instrucións do mesmo A MUTUA CONTA COMO FEITA A REVISIÓN.

Sabemos que moitas revisións están quedando sen facer por non reparar nestes feitos, por non chegar a recibir a convocatoria e outros erros, para evitalo:

• Se tedes dúbida sobre se fostes convocados ou non, contactade con Recursos Humanos da nosa Territorial ou con nós para que llo fagamos saber.
• Se pasou o prazo do que vos falabamos, RECLAMADE. O voso dereito non vence polo mero feito de que borredes un correo ou non reparedes nel.

CARGA DE TRABALLO:

Denunciamos que a carga de traballo está a provocar erros, baixas e moito estrés.

Comentamos especialmente o problema que están a supoñer os departamentos externalizados, nos que a calidade do traballo é pésima e non provoca máis que perdas de tempo e reclamacións, pero nos din que está en vías de solución, así que vos recomendamos que denunciedes cada problema que vos dean estes departamentos, a ver se é verdade que os arranxan.

Tamén a carga de traballo inútil que supón desprazar algúns tipos de xestión (devolución de recibos, transferencias...) aos CBC, pero din que é o deseño do sistema: O noso consello é que non parcheedes o sistema e que deixedes que o cliente se queixe. Tamén debedes comentalo á DAR e nos Comités.

E ademais falamos das colas que se instalan permanentemente nalgunhas oficinas. Ao respecto van a tentar dende RRHH comentalo a produtividade para buscarlle unha solución. Imos tentar detectar cales son as oficinas cunha maior problemática para tentar de axilizar o tema.

OUTROS TEMAS:

• Dado que nas nosas web existen opcións de idioma para inglés, catalán e euskera, non entendemos por que non temos tamén a opción do galego, polo que a reclamamos.
• Pedimos que lle boten unha ollada de novo ás Normas de Operativa, xa que seguen a ser contraditorias, obsoletas e non se axustan á realidade do traballo diario, polo que se fai imposible cumprilas para poder atender ao público.

Ningún comentario: