Estase a cargar, agarde un momento por favor!

31 de marzo de 2009

Posición da Federación de Banca e Aforro da CIG ante a intervención da CCM

O primeiro rescate dunha Entidade financeira do Estado español, a intervención da Caja Castilla La Mancha (CCM), demostra que tal e como viñemos denunciando dende o estoupido da crise financeira, a falta de control e supervisión do sistema financeiro español anunciaban serios problemas para a viabilidade e supervivencia das Entidades.

Analizabamos que os Bancos e Caixas do Estado non se viron afectadas pola primeira vaga da crise, toda vez que eran tomadoras no mercado financeiro internacional tanto para financiar as expansións (internacional no caso da Banca e fóra dos territorios de orixe no das Caixas), como para financiar o pelotazo inmobiliario. Polo tanto estiveron menos expostos a produtos tóxicos coma as subprime.

Entre os profesionais do sector provocaban hilaridade as constantes louvanzas públicas á supervisión do Banco de España, cando a maior parte da lexislación que regula o sistema financeiro é de carácter europeo (normas Basilea) e cando a Lei Financeira Estatal en vigor foi posta en marcha sendo ministro o ultraliberal Rodrigo Rato, que posteriormente foi Director Xerente do FMI, organismo responsábel en gran medida da crise global.

Necesidade dun modelo de xestión propio

Apuntabamos dende o primeiro momento que os problemas derivados dunha expansión que raiou o aventurerismo e a excesiva exposición ao sector inmobiliario, terminarían por afectar a viabilidade das Entidades nun entorno de medre do paro e polo tanto da morosidade.

Dende o ano 2005 defendemos a necesidade de articular un modelo de xestión propio para as Caixas de Aforros Galegas fronte ao modelo especulativo neoliberal impulsado nesas datas dende a CECA (Confederación Española de Cajas de Ahorros), un lobby de presión dos xestores das Caixas de Aforros, que deseñou e impulsou o modelo de xestión que levou á CCM á situación actual. Un modelo que a maior parte das Caixas implantaron en maior ou menor medida.

A actual intervención do Banco de España é un parche ante a maltreita situación do sistema financeiro español. Mentres no resto do mundo se debate sobre a necesidade inmediata e urxente de regular os sistemas financeiros e polo tanto a actividade das Entidades, no Estado e en Galiza, partindo da falsa premisa da solvencia das Entidades optouse por non mudar o modelo.

Banca Pública

Dende a Federación de Banca e Aforro da CIG consideramos que é urxente a nacionalización do sector financeiro para evitar a quebra do sistema e polo tanto de toda a economía.

Asemade consideramos urxente e inaprazábel a reforma da actual lexislación de mínimos da Lei Galega de Caixas de Aforros. Unha Lei de segunda en comparación coa de outras Comunidades Autónomas que nin sequera teñen a consideración de nacionalidades históricas.

E para garantir financiamento tanto para as familias como para as empresas, consideramos imprescindíbel a posta en marcha dunha Banca Pública que supla as maltreitas Entidades privadas ou en fase de privatización.

É relativamente doado caer hoxe no falso debate sobre a necesidade de impulsar unha xestión profesional das Caixas e a excesiva presenza pública nestas Entidades como motivo da situación actual.

Non foi a presenza pública a responsábel da crise, é preciso insistir que foi a falta de supervisión e control, e un modelo de xestión baseado na expansión territorial asociada ao pelotazo do ladrillo, un modelo impulsado polo lobby dos xestores das Caixas de Aforros, dende a CECA.

En todo caso hai que distinguir claramente entre intervencionismo partidista e control público. O primeiro é un cancro; o segundo non só é necesario, é inevitábel.

Ningún comentario: