Estase a cargar, agarde un momento por favor!

1 de setembro de 2008

Acordos desconcertantes

Ante a recente difusión do “acordo” entre parte da representación sindical e a empresa en relación coa implantación do PEIT e o Proxecto Clima, temos que salientar unha serie de puntos:

· O redactado no texto non supón compromiso algún para o banco, xa que o que se afirma no mesmo é o que veñen manifestando dende o principio do proceso e o motivo real para as súas liñas de actuación é, coma sempre, a imaxe.

· A comunicación escrita dos traslados entre oficinas, así como de desprazamentos en comisión de servizo etc., é un requisito legal que o BBVA debería cumprir e que, por suposto, calquera pode pedir.

· Para as extincións de relación laboral afirman que non usarán métodos “traumáticos”, pero se calculan 5.000 novos postos en OP PLUS para o 2010. Aínda que non recorran a un ERE por motivos de imaxe, nin dean cifras oficiais, moito nos tememos que o número de baixas non será menor.

· E qué dicir das modalidades de extinción da relación laboral:

- VOLUNTARIAS. Cada vez está a aumentar máis o número de baixas incentivadas. Asinadas voluntariamente... claro, despois dunha suxestión “voluntaria” por parte do banco e, en moitas ocasións, dunha presión convenientemente “voluntaria”
- VEXETATIVAS. Como sabedes non se están a producir novas contratacións e o número de consolidacións redúcese considerablemente. Ademais temos as prexubilacións, nas que tamén é o BBVA quen propón, presiona e dispón.

· E ¿qué dicir da previsión amosada no deseño dos recintos para as Administracións do CBC? O propio texto admite O INCUMPRIMENTO DA LEGALIDADE AO NON REALIZAR PREVIAMENTE AS PRECEPTIVAS AVALIACIÓNS DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS. Partindo desta base é ata cómica a actuación da representación sindical que dá cobertura a estes comportamentos. Nós tomaremos outras medidas.

· Por certo, sabede que o BBVA comunicounos o seu desexo de que a CIG sexa parte da Comisión de Seguimento da Implantación: aínda que inicialmente, CCOO pediu unha reunión trimestral, e BBVA contraofertou unha semestral, no “acordo” asinan unha anual e no primeiro catrimestre, para que este ano xa non teña cabida.

Obviamente, esta reunión non compromete ao BBVA máis que a celebrala e escoitar un ratiño, nembargante alá estaremos para podérvolo contar en primeira persoa.

É curioso o momento escollido para a repentina sinatura deste falso “acordo”, xa que recentemente a nosa Sección Sindical mantivo, como vos informamos, unha reunión coa Consellería de Traballo para comunicarlle a nosa preocupación pola destrución de emprego en Galicia, a falla de respecto que o BBVA amosa pola lexislación vixente tanto en materia de Prevención de Riscos coma na de información ao cadro de persoal e á Representación Sindical, e o abuso sistemático que se está a facer dos dereitos dos traballadores e traballadoras de BBVA.

Asemade, a Inspección de Traballo, como sabedes, sancionou ao BBVA por non informar ao Comité da reestruturación do cadro de persoal como a que tivo lugar.

Casualmente, o texto da “declaración-acordo”, asinada por CCOO, UGT e CCP que non compromete a nada ao BBVA, toca cada tema que a CIG tratou coa Administración ou coa Inspección.

Noraboa, polo tanto, para os Sindicatos non asinantes.

Ningún comentario: