segunda-feira, 26 de Outubro de 2009

Seguridade Caixas, cambios na normativa para seguir igoal

Temos falado, escrito e reclamado moitas veces, da falta de importancia que se lle dá ao traballo desempeñado polo persoal de caixa, e como a normativa quedou obsoleta mentres que non deixan de cambiar programas, obrigas comunitarias, recicladores ou retardos de alarma, protexendo no cambio máis ben ao diñeiro que a nós...

De súpeto, fan chegar correos, ao menos ás CBC da nosa UTRH nas que sinalan as rutas de e-spacio na que podemos atopar a normativa aplicable a cada transacción de caixa, así como as principais normas de aplicación a dita operativa. Tan conscientes son de que non serven, que xa advirten de que poida que a información non estea completamente actualizada.

É dicir, que dende que CIG advertimos desta situación no 2007 co comunicado “Coherencia nas caixas”, pouco cambiou a cousa, e máis ben para peor, xa que algunhas normas están actualizadas e outras non (e incorren en contradicións moitas veces), a empresa nunca advirte cando fai modificacións na normativa, o que pode ser moi prexudicial para nos, e inda por riba non se dispón do tempo necesario para consultar todas elas a cada mínima dúbida.

En calquera caso, vos recomendamos que sexades moi prudentes, lles botedes unha ollada ás normas que vos sinalamos a continuación e as teñades preto no posto para facer uso delas:

1. 10.10.003.– Tratamento e cadre das operacións de caixa. [Fai referencia a unha chea doutras normas a ter en conta] (Actualizada a 04/09/2006)

2. GR.04.004.– Operacións máis frecuentes e aspectos de Seguridade Básica a ter en conta. (Comunicación) (Actualizada a 18/09/2008)

3. 30.10.008.– Disposicións de Efectivo contra Contas Persoais. (Actualizada a 10/11/2004)

4. 80.00.012.– Prevención del Branqueo de capitais de orixe criminal. (Actualizada a 20/04/2006)

5. 80.00.123.– Declaración de movementos de medios de pago anónimos. (Diñeiro efectivo, cheques...) (Actualizada a 20/09/2008)

6. 94.10.001.– Quebrantos non cubertos por Seguros. (Atracos e Roubos) (Actualizada a 25/11/2008)

7. 94.30.001.– Tratamento do diñeiro e medios de Custodia nas Oficinas. (Actualizada a 31/03/2009)

8. 94.30.002.– Medidas de Seguridade para a Prevención de Atracos e Roubos nas Oficinas. (Actualizada a 25/08/2009)

9. 94.30.005.– Prevención do Fraude e da Estafa. (Actualizada a 18/09/2008)
Se tedes algunha dúbida, suxestión ou comentario, pregámosvos que nolo fagades saber.

Ascensos de capacitación

Un ano máis, foi fixada a data na que terán lugar os exames de ascenso a Niveis VIII, IX e X. As comunicacións que inician o proceso son GR.09.001 (Niveis IX e X) e GR.09.002 (Nivel VIII), e a das listas de admisión aos exames GR.09.003 e as podedes consultar a través de e-spacio.

A data do exame será o martes 17 de novembro de 2009 no NH Atlántico, na rúa Xardíns Méndez Núñez, s/n. - A Coruña, e coma sempre estaremos presentes para comprobar que o proceso transcorre segundo as normas.

O exame, coma en anteriores convocatorias será tipo test con 4 posibles respostas por pregunta e só unha válida. Haberá 3 versións do exame para cada nivel coas mesmas preguntas en distinta orde.

• NIVEL VIII.- 60 preguntas de 9:30 a 12:00 (2’30 horas).
• NIVEL IX.- 60 preguntas de 12:30 a 15:00 (2’30 horas).
• NIVEL X.- Non terá lugar o exame ao non haber ninguén que se vaia examinar.

Non esquezades que na presentación ao exame é necesaria a acreditación por medio de DNI, Pasaporte ou Carné de Conducir, xa que é requisito indispensable para o acceso ás probas. Non se permite o uso de calculadoras.

Unha vez comezado o exame poderán incorporarse persoas que cheguen tarde á proba mentres que non saíra ninguén da aula. Para evitar molestias non se permite a saída ata pasados 30 minutos para o exame de niveis IX, e 1 hora para nivel VIII.

Para optar á praza, a puntuación mínima para calquera dos niveis será de 5 puntos.

As relacións de aprobados e aprobadas terán que ser expostas na Territorial na primeira quincena de decembro de 2009 e haberá 10 días dende a súa publicación para posibles reclamacións.

Os gastos de viaxe son, outra vez, inxustamente restritivos:

• COMIDAS: Só para opositores/as fóra da praza do exame. Máximo de 12,02 euros.

• VIAXES: Só para opositores/as fóra da praza do exame. Usaranse medios de comunicación públicos. Excepcionalmente e por ausencia destes, se tivera que desprazarse no seu vehículo particular, compensará o gasto a 0,24 euros/km. exclusivamente e só se a distancia entre o centro de traballo e o de exame é máis de 25 quilómetros. É dicir, que non teñen pensado pagar nin peaxes nin aparcamentos.

• ALOXAMENTO: Só para concellos moi lonxe da praza do exame. Para reservar hotel, tedes que solicitalo por correo no buzón U080024.

Recomendacións ás persoas interesadas:

1. Buscade as combinacións viables en transporte público tendo en conta, naturalmente o desprazamento dende a estación de tren ou autobús ata o hotel e ata o lugar do exame (lembrade que os taxis son transporte de uso público). Tede en conta que non vos van pagar peaxes nin aparcamento, polo que seguramente sairavos moito máis a conta o transporte público, aínda que é fácil que vos obrigue a pernoctar na Coruña debido aos horarios.

2. Dado que este exame é un dereito recoñecido no Convenio, non debera supoñer gasto algún para o persoal, polo que preguntade por correo se vos van pagar os gastos e se volo denegan, contactade con nós.

3. En caso de dúbida podedes contactar coas persoas responsables do Centro de Formación para evitar problemas (U080024).

4. Contactade cos/coas vosos/as Representantes Sindicais no caso de atopar problemas de calquera tipo. Tentaremos axudar.

domingo, 18 de Outubro de 2009

Queremos galego enche as ruas de Santiago


sábado, 26 de Setembro de 2009

Queremos pechar os sábados


Ante os insistentes rumores sobre a posibilidade de que algunhas forzas sindicais estean preto de pechar un acordo para pechar os sábados, e tendo claro que a día de hoxe non existe unha mesa de relacións laborais na que, de xeito oficial, se estea a negociar este tema no BBVA, temos que puntualizar unha serie de feitos para deixar claro cal é a situación real.

O peche de sábados en banca é unha reivindicación histórica da CIG, e queremos que se acade axiña dita situación pero non a calquera prezo, polo que a nosa postura foi, é, e será que calquera acordo ao que se chegue ten que respectar uns mínimos:

• NON Á DESREGULACIÓN HORARIA: Cando non hai uns mínimos claros e para todo o mundo por igual, é moi difícil facer respectar os dereitos.

• NON Á AMPLIACIÓN HORARIA: Non é aceptable que a xente traballe máis horas cando o banco xa está a aforrar cartos ao pechar os sábados.

• MANTEMENTO DA XORNADA CONTINUADA: A introdución da xornada partida é unha volta atrás e unha perda de dereitos que ademais non contribúe en nada á Conciliación da vida persoal e laboral.

• MANTER OU MELLORAR A SITUACIÓN NOS MESES DE VERÁN: Non cremos que supoña nada bo aceptar modificacións que empeoren o horario dos meses de verán nas oficinas, polo que, para nós, deben quedar, cando menos, como están.

Por outra banda, tede en conta que a situación do Banco Santander non era a mesma que a de BBVA ao non dispoñer dun acordo que lles permitira, como a nós, librar a metade dos sábados. No Santander traballaban todos os sábados, polo que os termos da súa negociación han de ser, por forza, peores que os nosos.

Aínda así, asinaron unha perigosa cláusula que permite a case todo o persoal “flexibilizar” o seu horario: como sabemos, ninguén compensa as horas nin existe xeito de contabilizar as mesmas, polo que ao final, unha cláusula deste tipo o que fai é blindar a posición do banco fronte as posibles Inspeccións ou reclamacións polo fraude a Facenda, á Seguridade Social e as traballadoras e traballadores de banca polas horas extras traballadas sen remunerar.

Con todo, non ten ningún sentido para nós, que os rumores apunten a que as mesmas forzas sindicais que asinaron un acordo con xornada continuada para o Santander, estean a falar de que en BBVA se poida cambiar o sábado por unha tarde: Esperamos que non sexa máis que un rumor máis.

Non debemos perder de vista que o banco aforraría moitos cartos polo feito de pechar a porta os sábados (ademais das horas extras que xa aforra de pagar), tanto en gastos de infraestrutura, como de contratación de ETT's, e que parte de dito aforro, xa o obtivo co peche de parte das oficinas os sábados. Nunha negociación xusta, o cadro de persoal ten que obter algún tipo de beneficio, e un acordo que non o vexa así, non está a defender os nosos dereitos.

Finalmente, pedimos tanto a BBVA como ao resto da representación sindical, que sexan responsables e miren pola mellora das condicións das persoas que traballamos en BBVA, tendo en conta o enorme e continuado esforzo ao que nos someteron nos últimos tempos.
Por iso, témolo merecido, ¡queremos pechar os sábados!

terça-feira, 21 de Julho de 2009

Reunión coa UTRH

O día 13 tivo lugar a última xuntanza cos representantes de Recursos Humanos da nosa Territorial, na que lles plantexamos os temas que vos preocupan segundo nos contades nas oficinas. Velaí os temas que pensamos que poden ser de maior interese:

MOBILIDADE NAS CBC:

Aínda que todos sabemos que o noso Convenio marca que a distancia máxima de mobilidade son 25 Km, o certo é que en máis dunha CBC se tende a cubrir as vacantes con persoal de outras oficinas. Ao parecer éste é o tratamento que se lle está a dar:

• Menos de 25 Km: Pago da quilometraxe ou outro transporte.
• Máis de 25 Km: Debe contar coa VOLUNTARIEDADE DA PERSOA.
• Págase o quilometraxe
• Págase media dieta.

Ao parecer existe unha póliza de accidentes que cubriría os posibles accidentes “in itinere” aínda que non coñecemos a alcance das súas coberturas, polo que temos solicitado dito documento e informarémosvos cando dispoñamos del.

Cremos que nestes casos pódense dar abusos porque sempre se desprace a mesma persoa, ademais de que entendemos que a distancia, o tempo que leva percorrela, e a cantidade de veces que se desprace a unha persoa da súa oficina cabeceira deben terse en conta para compensar axeitadamente os desprazamentos: CALQUERA QUE PENSE QUE MERECE MAIOR COMPENSACIÓN (por exemplo en tempo libre polo investido nos desprazamentos), pode contactar con nós para que o reclamemos ante RRHH.

PREXUBILACIÓNS E PECHES:

Polo que nos din non se pode contar con que teñamos prexubilacións para este ano.
Sobre os peches de oficinas, nos comentan que contan con que haxa máis no mes de outubro, pero polo de agora non adiantan máis información sobre o tema.

REVISIÓNS MÉDICAS:

Como xa vos advertiramos o ano pasado, cambiou o xeito de facer as revisións:

• Agora a mutua convoca por correo electrónico, independentemente da provincia na que se estea, cada dous anos aos menores de 50 anos e, cada ano, aos maiores de 50.
• Se pasado o prazo que marca dito correo non se seguen as instrucións do mesmo A MUTUA CONTA COMO FEITA A REVISIÓN.

Sabemos que moitas revisións están quedando sen facer por non reparar nestes feitos, por non chegar a recibir a convocatoria e outros erros, para evitalo:

• Se tedes dúbida sobre se fostes convocados ou non, contactade con Recursos Humanos da nosa Territorial ou con nós para que llo fagamos saber.
• Se pasou o prazo do que vos falabamos, RECLAMADE. O voso dereito non vence polo mero feito de que borredes un correo ou non reparedes nel.

CARGA DE TRABALLO:

Denunciamos que a carga de traballo está a provocar erros, baixas e moito estrés.

Comentamos especialmente o problema que están a supoñer os departamentos externalizados, nos que a calidade do traballo é pésima e non provoca máis que perdas de tempo e reclamacións, pero nos din que está en vías de solución, así que vos recomendamos que denunciedes cada problema que vos dean estes departamentos, a ver se é verdade que os arranxan.

Tamén a carga de traballo inútil que supón desprazar algúns tipos de xestión (devolución de recibos, transferencias...) aos CBC, pero din que é o deseño do sistema: O noso consello é que non parcheedes o sistema e que deixedes que o cliente se queixe. Tamén debedes comentalo á DAR e nos Comités.

E ademais falamos das colas que se instalan permanentemente nalgunhas oficinas. Ao respecto van a tentar dende RRHH comentalo a produtividade para buscarlle unha solución. Imos tentar detectar cales son as oficinas cunha maior problemática para tentar de axilizar o tema.

OUTROS TEMAS:

• Dado que nas nosas web existen opcións de idioma para inglés, catalán e euskera, non entendemos por que non temos tamén a opción do galego, polo que a reclamamos.
• Pedimos que lle boten unha ollada de novo ás Normas de Operativa, xa que seguen a ser contraditorias, obsoletas e non se axustan á realidade do traballo diario, polo que se fai imposible cumprilas para poder atender ao público.

Últimas accións

Dende a Sección Sindical non deixamos de traballar para tentar mellorar á nosa situación, aínda que non nolo poñen nada doado. Vede aquí as últimas actuacións:

REUNIÓN DA COMISIÓN DE EMPREGO

O día 30 de xuño tivo lugar esta xuntanza da mesa de Relacións Laborais en Madrid contando coa nosa presenza. Aparte da inconveniencia da data elixida e de que a reunión debeu ter lugar antes de maio, pouco se aportou alí por parte da empresa.

Nembargantes, a representación sindical puxo na mesa o interese do persoal polo peche de todas as oficinas en todos os sábados do ano: CCOO, UGT, CC e Atexbank ademais de nós solicitamos que se abra urxentemente a negociación sobre o tema, e seguimos á espera dunha resposta de BBVA.

Asemade hai outros temas que deberían ser obxecto de negociación colectiva, e para os que sería conveniente loitar pola unidade sindical, para impedir as inxustizas que a plantilla está sufrindo día a día e máis dende a implantación do Proxecto Clima.

PROPOSTA DO PLAN DE IGUALDADE DE BBVA

Sen ter contestado a ningunha das propostas feitas para a realización deste Plan e do que a empresa aporta como diagnose (segundo a que todo vai xenial dende un punto de vista de xénero), sen cumprir as condicións legais para o inicio deste proceso, e cunha denuncia interposta ante a Inspección de Traballo por estes incumprimentos, BBVA segue avanzando pola súa conta para achegarnos unha proposta de Plan de Igualdade unilateral.

Nós seguiremos tentando que o proceso se reinicie dende o diálogo e a participación, único xeito, ao noso entender, de que dito Plan poida ser unha ferramenta útil en lugar dunha mera campaña de publicidade.

REQUERIMENTO DA INSPECCIÓN DE TRABALLO

Xa son varias as denuncias impulsadas pola CIG tanto dende os Comités de Empresa como dende a Sección Sindical debido ao repetido incumprimento por parte da empresa do seu deber de informar coa debida antelación á representación sindical dalgunhas das súas decisións con grandes repercusións para os nosos postos de traballo.

A Inspección dános a razón unha vez máis e require á empresa para que nos faga entrega dos modelos que se utilizan para os contratos dos equipos voantes de dirección e postos de administración.

É o método máis lento e costoso para todos nós, pero pola nosa parte non imos consentir que non nos acheguen a información á que por lei temos dereito para protexer os nosos dereitos.

MOBILIZACIÓN NA CORUÑA

O día 9 mobilizámonos fronte á oficina do Cantón, como forza maioritaria de Galiza, contra as repercusións que o proceso de reconversión que está a levar a cabo BBVA ten sobre o emprego, tanto en calidade como en cantidade.

Así, apoiamos as accións que CGT, xunto a UGT e CCOO están a realizar en protesta contra actuacións da empresa na nosa Territorial, aínda que fóra de Galiza.

A nosa Sección Sindical continuará as mobilizacións se así o cre necesario para amosar a súa oposición á reconversión de BBVA.

quarta-feira, 15 de Julho de 2009

balance sindical dixital



Novo espazo na rede da nosa Federación con novas de todo o sector financeiro, telemárketing, etc. É a edición dixital do noso voceiro en papel, o balance sindical.