17 de marzo de 2017

Xunta xeral de accionistas 2017

Hoxe celebrouse a do banco. Como cada ano, a CIG acudiu para facer chegar as reivindicacións do cadro de persoal. Como cada ano, Francisco González, fixo caso omiso ás nosas verbas. En xeral, todos os sindicatos presentes na Xunta incidimos nos despedimentos, a destrución de emprego e as presións ás que nos someten a cotío, e aínda máis cando se trata de que aceptemos baixas «voluntarias».


X. Miguel Fernández e Carmen García, representantes da CIG
   X. Miguel Fernández e Carmen García, representantes da CIG
    Imaxe: CIG / BBVA  (ccBY-NC-SA
 

Repartiron os seus dividendos (gañados a costa do esforzo do persoal) e o presidente seguiu enredado co discurso do «banco tecnolóxico» ao igual que nos anos pasados. Considera que os despedimentos efectuados son «casos puntuais» e aínda nos augura un futuro moi duro para todos e todas no que, segundo el, tomarán medidas para garantir emprego para a maioría do persoal. Como dixemos ao final do noso discurso, se seguen por este camiño, a nosa resposta será sempre a denuncia e a mobilización.


Esta foi a intervención da representante da CIG:



Son Carmen García, portavoz da como Sindicato máis representativo e, ao tempo, de numerosos accionistas que delegaron en min o seu voto, coa intención de que lles amose a realidade do BBVA en . Nesta ocasión, sumámonos ás voces do resto de Sindicatos con representación no BBVA porque esta realidade que lles queremos trasladar é, lamentablemente, común para todo o Estado. Os despedidos e despedidas de 2016 e 2017 son coñecedores desta realidade. As persoas incluídas no «Pool de Baixo Desempeño», son tamén moi conscientes dela.

Sr. González, preguntouse porque, segundo os seus propios datos, unha porcentaxe tan elevada do cadro de persoal converteuse en detractora da empresa para a que traballa? Será quizais porque se sinte enganada, frustrada, porque a pesar de toda a maquinaria propagandística, ve a cada paso unha cultura empresarial baseada no medo, o sometemento e a ameaza.

Será quizais que dá igual a valoración que se teña, a valía profesional, a traxectoria, se estamos no medio dos plans de reestruturación do noso departamento… Agora mesmo somos conscientes de que poden meternos nun despacho sen previo aviso onde, ou aceptamos o que se nos vén enriba, ou se nos presenta unha carta de despido. Un cuarto de onde non podemos saír sen tomar unha decisión. Dá igual o que se argumente, dá igual a situación persoal… Hoxe por hoxe, este é o Talento no BBVA, esta é a súa Cultura.

En xuño do ano pasado, nesta empresa viviuse un pelotón de fusilamento. Un acto de psicoterrorismo contra o cadro de persoal, perfectamente orquestrado, planificado e executado. Non só foron agraviados os compañeiros e compañeiras despedidas inxustamente, cabezas de turco para conseguir o sometemento tácito de toda a organización. Aquí saímos perdendo todos e todas.

Agora mesmo vemos casos de persoas que, tendo a oportunidade, xa non queren entrar a traballar aquí. Persoas, que tras un período de proba, marchan. Persoas que, despois de formar parte durante anos desta empresa, van buscar o seu futuro a outro lado. É significativo, señoras e señores. Uns dirán que non encaixan na empresa. Outros que quizais non queren ser parte da realidade que teñen diante. E levan o seu talento e o seu esforzo a outras empresas.

Este tipo de políticas teñen sen dúbida o seu traslado á conta de resultados, a presente e as futuras. Conta de resultados que se ve lastrada interminablemente por erros estratéxicos de diversa índole (decisións que non toma o cadro de persoal pero que padece), pola ambición desmedida dos anos do ladrillo (unha ambición que seguiremos pagando, durante non se sabe cantos anos máis). Erros e excesos que son a orixe dun enorme burato negro no balance que, ano tras ano, o traballo e a dedicación do persoal conseguen tapar. Un cadro de persoal que fai desta empresa líder en rateo de eficiencia a nivel europeo, non o esquezamos, e que merece ser tratado co máximo respecto. Un cadro de persoal que, se se equivoca, ten que saber que terá un trato xusto, unha posibilidade de defensa que agora mesmo se lle nega.

Un modelo de empresa baseado no temor e enrocado no cumprimento duns obxectivos non asumibles (especialmente cando falamos da rede comercial), é un cóctel explosivo non só no que se refire ás relacións laborais (totalmente degradadas), senón no relativo ás consecuencias para a clientela.

Quizais sería recomendable unha reflexión sobre o que xa nos dicía Deming, o pai da calidade, alá polos anos 50 cando explicaba o seu modelo de calidade, con 9 dos seus 14 puntos relacionados co medo, e que se resume en algo que todos e todas coñecemos: cando o medo entra pola porta, o talento salta pola fiestra. Un modelo que levou a toda unha nación, Xapón, a ser o que é agora.

O que me leva á miña seguinte pregunta:

POR QUE NO BBVA A DEMOCIÓN TEN CARA FEMININA?

Será acaso que en vez do talento, valórase tan só a mobilidade? En Galiza, aparte da Dirección Territorial e pouco máis, vemos que a resistencia está clara no posto de dirección de CBC. Menos de unha por zona. Aí está o teito ou o comezo do camiño de descenso. Algo haberá que facer de maneira diferente, porque a valía está claro que é igual en ambos xéneros. A realidade amosa que non se está facendo o suficiente para buscar fórmulas que fagan destes postos algo atractivo para poder incorporar ás mulleres desta empresa a postos de máis responsabilidade. Non lles compensa, está claro. E ao final, o que se quere ver como unha suma de decisións individuais, o que nos demostra é unha incapacidade ou unha falta de interese en facer as cousas de maneira que a metade do cadro de persoal se vexa representado de forma igualitaria en todos os niveis da escala. E de paso, perdemos toda a enorme contribución que implica.

Carmen García durante a súa intervención
   Carmen García, durante a súa intervención
    Imaxe: CIG / BBVA  (ccBY-NC-SA
 

É tan sinxelo como querer facer algo para que as cousas acontezan. Non se pode pretender liderar a 4ª Revolución Industrial, mantendo políticas anteriores á 1ª. Non podemos falar de Banca íntegra, responsable coa sociedade nun entorno de destrución sistemática do emprego e agresións constantes ao persoal. Sen un compromiso real por parte da Dirección do Banco co que vostede proclama como o seu principal activo, coa estabilidade e a garantía das condicións laborais como referente, a nosa resposta será agora e sempre a denuncia e a confrontación.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 170317 [.pdf • 625 kB]


Ningún comentario: