Estase a cargar, agarde un momento por favor!

28 de setembro de 2016

Despedimentos, control horario e presións


Readmisión dos despedimentos no BBVA
   Imaxe: CIG (cc) BY-NC-SA


Readmisión e nulidade dos despedimentos

Os primeiros xuízos, derivados dos despedimentos inxustos de 14 compañeiros e compañeiras no pasado mes de xuño, se celebrarán o 6 de outubro. Naquel momento demos unha resposta sindical unitaria reclamando a readmisión desas 14 persoas despedidas, xa que entendemos que os despedimentos son nulos de pleno dereito e esixindo á Dirección do Banco que desista no uso das políticas do medo.

Será preciso o teu apoio ás novas iniciativas que poñeremos en marcha porque isto aféctanos a todos e todas. Seguiremos informándovos.



Control horario

Trala demanda interposta pola CIG na Audiencia Nacional contra o BBVA, e despois de que o 20 de abril se chegara ao acordo (previo á celebración do xuízo) de negociación para o establecemento dun sistema de control horario na entidade antes do 30 de setembro, a Dirección do banco só convocou unha única xuntanza (o pasado día 20) na que non fixo ningunha proposta debido á «complexidade do asunto», e solicitando unha nova prórroga. Manifesta mala fe e demora intencionada da negociación, e así llo manifestamos.

A maioría da representación sindical (CC.OO, UGT e ACB) aceptou esa prórroga que amplía o prazo de negociación até final de ano, cunha nova reunión para o 22 de novembro. Dende a CIG rexeitamos que a Dirección vaia dilatando o proceso, agardando novas xudiciais que lle guíen no camiño e non amose ningunha vontade real de negociación. Os argumentos de que un sistema de control horario racha coa cultura do banco, baseada na confianza e na flexibilidade, son unha falta de respecto ao cadro de persoal.

A Dirección é consciente de que a xornada non se cumpre e se alonga ilegalmente. De que incumpre a Lei cando nin establece un sistema de control, nin informa a cada traballador/a, nin aos seus representantes legais, das horas realizadas. E unha proposta dun acordo sectorial sobre este asunto non ten máis obxecto que seguir alongando unha negociación que só beneficia ás empresas.

Que non pretendan enganarnos: o cumprimento e control da xornada é o único sistema que garante unha conciliación real e pon de manifesto as necesidades reais de persoas que a empresa precisa. Temos un feixe de postos que se están a cubrir con contratacións eventuais, tanto nas funcións de caixa coma nos de xestión. E dinnos que sobra persoal…

A postura da CIG é clara e rotunda: chegaremos até o final para acadar o que xa é noso por dereito. Por unha conciliación real e polo fin dos alongamentos ilegais da xornada e do multimillonario fraude ás arcas públicas (Facenda e Seguridade Social), tan necesitadas de recursos nestes intres.



«Pool de baixo desempeño» e presións comerciais

A CIG pediu á empresa información detallada sobre a listaxe de persoal incluído no que todos e todas coñecemos coma «Pool de baixo desempeño», pero aínda non nos facilitaron eses datos. Temos compañeiros e compañeiras que xa levan dous anos neste proceso, e aínda hoxe, son descoñecedores das súas consecuencias; día a día teñen que reportar sobre a súa facturación (porque traballar, traballan), pero o único que importa aquí son as facturacións.

Dá igual que leves toda a vida noutra función e, por mor dos sucesivos axustes, te recoloquen nun posto en rede para o que non tes formación nin preparación. Non importa que te cambien de oficina unha e outra vez, apagando os lumes da precariedade, e non podas afacerte á clientela nin esta a ti, o que ten un impacto directo no teu rendemento laboral. Dá igual que caias enfermo/a ou que esteas máis escaldado/a que a rá da fábula… A resposta é: se o resto o fai, ti tamén. Coma se a empresa non tivese responsabilidade ningunha. Que a ten, e moita.

Non entendemos a negativa da empresa a darlle unha saída a moitas persoas deste colectivo, ás que poderían asignar aos postos de caixa que se manteñen permanentemente atendidos por ETT's.



Presupostos de vendas dixitais

Como é posible que teñamos obxectivación de vendas dixitais de consumos, achegas a plans de pensións, etc, polas que hai que reportar diariamente, cando se supón que é a propia clientela quen fai esas operacións!!! Que sentido ten?

Sabemos da revolución dixital que o banco quere, pero… forzar as cifras, coa única intención de acadar uns puntiños no DOR coma sexa, non beneficia máis que ás/aos de sempre, que non somos nós, o cadro de persoal, nin a clientela. Cumpramos a normativa e absteñámonos de facer este tipo de operativa na oficina, que o único que nos pode traer son graves consecuencias.



A atención personalizada e a produtividade

No que respecta a xestión comercial nas oficinas, ese «tótum revolútum» onde tanto se xestiona a cola de caixa, coma se atende a testamentaría máis enrevesada, sexa da oficina que sexa; onde se dá cobertura na caixa tanto por un anaco, coma por días enteiros se fai falla, porque non hai presuposto pero o servizo hai que dalo (o que non ten repercusión en TET na produtividade co doado que sería amañar iso se se quixera facer).
Até hai pouco, as operacións gravadas da clientela de dirección contaban na produtividade e agora non, e tampouco as de «BBVA Contigo», a pesares de ter atención presencial nas oficinas (e moita).

Cada quen debería pararse a medir o tempo que se emprega na área de xestión comercial para a atención á clientela que non lle vai reportar «nada» a nivel de facturación individual. Hai poucos meses tivo lugar unha experiencia piloto onde o persoal de varias oficinas tiñan que anotar canto e qué facían ao longo da xornada laboral. Non tivemos noticias do resultado dese estudo, pero de seguro que amosa a realidade do día a día.



Horario de inverno

Durante os xoves entre o 1 de outubro e o 31 de marzo, temos horario de tarde, con entrada flexible entre as 15:45 e as 16:15 e saída entre as 18:30 e 19:00 horas, logo de cumprir 2 horas e 45 minutos. Se o xoves fora festivo, considérase non recuperable. E se cae en véspera de festivo, terase que recuperar o mércores anterior, a excepción de que coincida en xoves Noiteboa, Noitevella e na Semana de Festas maiores.
Por acordo entre a Dirección da Unidade e o traballador ou traballadora, poderase adoitar unha fórmula distinta para recuperar até o 50% das tardes do mes que non sexan nin o primeiro nin o último. E a petición do persoal, no caso de ter fillos até 12 anos ou familiares dependentes de primeiro grao ao seu cargo, poderase recuperar até o 100% dos xoves dun xeito diferente de mutuo acordo coa Dirección da Unidade.






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 160928 [.pdf • 166 kB]


Ningún comentario: