Estase a cargar, agarde un momento por favor!

16 de xuño de 2016

BBVA: «Best place to work»?
A Dirección de RR.HH non quere traballadores/as, quere criados/as atemorizados/as

Os recentes despedimentos simultáneos de catorce compañeiros e compañeiras en todo o Estado español (8 de xuño), supoñen un antes e un despois nas políticas laborais do BBVA. A gravidade dos feitos non deixa outra opción que interpretalos como unha agresión á totalidade do cadro de persoal e, máis concretamente, á rede comercial. Cada caso é diferente, pero en todos eles engádeselle, como coletilla final, a escusa, ruín e irreal, do «baixo desempeño».

Os feitos adquiren maior gravidade pola forma en que se realizaron os despedimentos (ao igual que os centenares de cartas de apercibimento), sen previo aviso, sen permitir a presenza de representantes sindicais no caso de estar afiliados/as (art55 ET e art10.3.3 LOLS), sen opción ao prego de descargos por parte da persoa afectada para poder defenderse das acusacións recibidas, etc.

Isto non enmascara o verdadeiro motivo deste ataque premeditado no que todos e todas saímos perdendo. Catorce persoas perden o seu posto de traballo e o resto do persoal, perdemos a confianza e o respecto ante unha empresa que actúa violentando a lexislación laboral, tratando de deixar ás persoas afectadas sen amparo sindical, nun acto sen precedentes polas formas e polo fondo, co que se pretende a total submisión do cadro de persoal mediante unha especie de «aviso a navegantes», por non chamalo simple e sinxelamente «ameaza».

Este é o Talento e a Cultura que quere impoñer a Dirección de Recursos Humanos? Unha planificación fría e cruel para xogar coas nosas condicións de vida nunha especie de «ruleta rusa» laboral? O 8 de xuño de 2016 marcará un punto de inflexión nas relacións laborais no BBVA se non reaccionamos. Este non é o respecto e a política laboral que merecemos as e os traballadores. A política do medo, o «terrorismo de empresa», nunca axudará a que sexamos mellores nin máis produtivos/as.

Unha resposta sindical unida e contundente é, nestes momentos, inescusable e obrigada. O persoal ao que representamos necesita saber que a defensa dos seus intereses, dos seus postos de traballo, está por riba das siglas e deixar as nosas diferenzas de lado. Esíxenolo claramente e é a nosa responsabilidade estar á altura.

Dende os grupos sindicais que subscribimos este comunicado, queremos brindar a man ao resto da Representación Sindical do BBVA, para afrontar unha resposta sindical unitaria para loitar pola readmisión destes compañeiros e compañeiras e para pechar o paso a políticas laborais que nos retrotraen a épocas feudais. A nosa unión é a nosa forza e aquí sumamos todos e todas. Sabémolo nós, sábeo o persoal e este é o momento de que o saiba a Dirección.



CIG · ELA · Intersindical-CSC · LAB · SEC





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 160616 [.pdf • 213 kB]    [ES] [.pdf • 810 kB]

Protocolo sancións [.pdf • 92 kB]



Ningún comentario: