8 de marzo de 2016

Precarias

O fenómeno da feminización da pobreza non é novo. Mais a crise, as reformas laborais implantadas ao abeiro desta, as reformas fiscais que incrementaron directamente as desigualdades, xunto coa redución da capacidade distributiva do sector público, ou os recortes en servizos sociais, fixeron agromar unha nova figura laboral, xa case esquecida, que se vén coñecendo como «pobre laboral», unha persoa con emprego pero que ten uns ingresos que non lle permiten superar a liña da pobreza.

Antes as persoas eran pobres porque pertencían a grupos sociais sen acceso ao mercado de traballo. Agora, a precarización do emprego fai que non poidan cubrir as necesidades mínimas vitais para poder vivir de xeito digno.

Esta situación de pobreza e precariedade afecta a homes e mulleres, mais non do mesmo xeito. É unha realidade o aumento da proporción de mulleres entre a poboación pobre. Este feito contribúe a un crecente empobrecemento material das mulleres, a un empeoramento das súas condicións de vida e á vulneración dos seus dereitos fundamentais.

Se tivésemos que resumir a situación das mulleres traballadoras en Galiza poderíamos facelo empregando seis conceptos: inactividade, desemprego, eventualidade, empregos a tempo parcial, fenda salarial, economía somerxida, infrasalarios. En síntese: PRECARIAS.

Inactividade

A taxa de actividade das mulleres situouse de media no ano 2015 no 47'8% (o 57'8% no caso dos homes).

Unha menor participación no mercado de traballo implica unha maior dedicación ao traballo non remunerado, como é o coidado do fogar e de persoas dependentes. A situación destas mulleres neste período deteriorouse, especialmente das que coidan de dependentes, pola redución das axudas destinadas a este fin.

Desemprego

A taxa de paro feminina acadou no ano 2015 o 20% das mulleres activas (fronte un 18'7% dos homes), o cal supón unhas 120.000 galegas en situación de desemprego.

O 43'3% leva máis de dous anos nesta situación. O 50% das paradas sono de longa duración, o cal supón máis paradas de longa duración que o conxunto total de paradas que había ao inicio da crise.

Esta porcentaxe tan elevada implica que moitas carezan de ningún tipo de ingresos, dado que o tempo máximo ao que teñen dereito á presentación contributiva é de dous anos.

Eventualidade

No ano 2015 continuou a perda de postos de traballo con contrato indefinido (7.300 asalariadas menos), e os poucos que se crearon foron a través de contratos temporais (13.500), situándose a taxa de temporalidade entre as mulleres no 26'8% tres puntos máis que o ano anterior.

Empregos a tempo parcial

As mulleres ocupan máis contratos a tempo parcial, un 23'1% no ano 2015 fronte o 6'5% dos homes, o cal supón menores ingresos e menores posibilidades de promoción.

As mulleres vense obrigadas a aceptar estas xornadas parciais —así o confirman no 68% dos casos—, aludindo a imposibilidade atopar un emprego a xornada completa. No ano 2009 alegaban este motivo o 49% das traballadoras. Se cadra, a deterioración das economías familiares explique este medre desmesurado.

Fenda salarial

O salario medio feminino en Galiza sitúase por baixo dos 15.500  anuais, o dos homes é de 19.746 

Se no ano 2009 o salario medio dunha muller representaba o 76'9% do dun home, en 2014 é do 78'1% (en torno ao 22%), unha diferenza atenuada polo maior descenso dos ingresos salariais percibidos polos homes fronte aos das mulleres, non porque medrasen máis uns que outros.

As mulleres deberían percibir un 2% salarial máis que os homes dada a súa maior capacitación. Por tanto, a fenda salarial debería ser a favor das mulleres.

Se a redución das desigualdade salariais entre homes e mulleres segue ao mesmo ritmo tardaranse 75 anos en eliminar a devandita fenda.

Economía somerxida

En Galiza estímase que a porcentaxe de economía somerxida é do 25'6% do PIB. Unha boa parte desta actividade é levada a cabo por mulleres, que están á marxe da regulación do mercado laboral e sen protección social de ningún tipo.

Infrasalarios

Segundo datos da Axencia Tributaria o 36% das mulleres asalariadas (162.484 galegas) non chegaron a obter uns ingresos equivalentes ao SMI no ano 2014.

Neste mesmo ano, 93.496 galegas non percibiron ao ano nin a metade do SMI, obtendo un salario medio anual de apenas 1.871 . Isto supón que o 20% das asalariadas en Galiza viven cun salario menor de 160  ao mes, sumando 6.725 mulleres máis que no ano 2009.


En definitiva, as galegas ou ben son traballadoras por conta propia que sobreviven en actividades e negocios que non lles dan para vivir pero que manteñen abertos ante a falta de alternativas. Ou son traballadoras asalariadas mais precarias, con contratos temporais, con traxectorias laborais inestábeis, con moita rotación laboral, con salarios en moitos caos por baixo da liña da pobreza.

A pesar de traballarmos cada día, facémolo en condicións de precariedade, e non conseguimos deixar de ser pobres.




Ligazón relacionada:

Mobilizacións: xornal «Avantar»


➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]








Ningún comentario: