Estase a cargar, agarde un momento por favor!

23 de setembro de 2015

Por uns convenios que regulen as condicións de traballo e rematen cos continuos abusos empresariais.

24 DE SETEMBRO: CONCENTRACIÓNS
Santander, BBVA, Pastor-Popular, Bankia e Abanca

Podemos cumprir os crecentes e desmedidos obxectivos comerciais e traballar de sol a sol doce horas diarias, tardes e noites, sábados e domingos. Achantar e non reclamar os nosos dereitos. Pasar por un mal momento: unha enfermidade, a perda dun ser querido, etc, pode dar ao traste co traballo de anos. Todo o esforzo individual non garante o respecto as condicións laborais nin ao posto de traballo. Só a acción colectiva pode ter éxito fronte ao poder da banca.

As direccións das entidades actúan de xeito coordinado na negociación dos distintos convenios do sector financeiro, perseguen os mesmos obxectivos. Os traballadores e traballadoras de todo o sector debemos coordinarnos tamén. As direccións pretenden recortar máis dun 30% o salario fixo, eliminar pagas ou trienios. O seu obxectivo: ligar aínda máis os salarios ao cumprimento dos obxectivos, á colocación de produtos que a clientela non demanda pero que temos a obriga de «vender» a toda costa.

Mentres recrúan o acoso laboral, o fustrigamento, os malos modos ou as ameazas, que forman parte do seu modelo de xestión do persoal, medran os beneficios e os salarios das Direccións. Nós levamos os paus, eles comen as cenorias.

Continúan tamén reducindo persoal de servizo ao público, provocando colas, protestas e sobrecarga de traballo. O seu obxectivo: desfacerse da clientela que demanda servizo, quedándose só coa máis rendible á que é posible colocarlle máis produtos.

Non é a única ameaza para os postos de traballo; o BCE, o BdE e o Ministerio de Economía, preparan novos movementos de concentración empresarial que terán duros custes para o emprego coa creación dun oligopolio financeiro. Agora xa despiden tanto ao persoal das entidades absorbidas, coma das absorbentes.

Fronte a súa prepotencia só cabe mobilizarse para conseguir un convenio que poña fin aos abusos patronais, que regule a xungla na que se converteron as políticas comerciais, e para defender as condicións laborais e os postos de traballo.

Por iso a CIG ten convocadas concentracións de delegados e delegadas sindicais das distintas entidades o vindeiro 24 de setembro en Santiago, dando inicio a un calendario de mobilizacións no que non descartamos nada.





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 150923 [.pdf • 138 kB]


Ningún comentario: