Estase a cargar, agarde un momento por favor!

6 de xullo de 2015

Vivindo nun virtual mundo feliz…

Nova reunión da mesa negociadora e… será polo efecto do calor, ou da proximidade do período de vacacións, pero a patronal insiste en convencernos de que traballamos nun mundo onde todo é perfecto e non hai nada que mellorar. Os e as bancarias queixámonos de puro vicio: a xornada laboral e os horarios son os acaídos, os bancos fomentan a conciliación da vida laboral e persoal, e as mulleres benefícianse de magníficos plans de igualdade que fomentan a súa carreira profesional e o acceso a postos de dirección.

Que a AEB faga estas afirmacións entra dentro do esperado, pero que haxa algún sindicato que afirme que a xornada e horarios en banca están ben e non hai nada que reformar, resulta realmente sorprendente, a non ser que sexan vítimas da canícula ou vivan nun mundo virtual. Deberían preguntar a todos aqueles compañeiros e compañeiras, obrigados a prolongar o seu horario laboral todas as tardes de luns a venres, se hai ou non que cambiar a xornada real. Porque falar de fixar o tope anual de horas de traballo en 1.680 horas non serve de nada, se non se definen sistemas de control que obriguen ao seu cumprimento.

Afirmar que o sector bancario é modélico en aplicación de medidas de igualdade, é negar a evidencia de que só unha ínfima porcentaxe de mulleres acadan postos de alta dirección, sen contar o gran número delas que ven freada a súa carreira profesional cando deciden ser nais, ou teñen que facerse cargo de familiares dependentes. Segundo a patronal, non lles corresponde a eles cambiar o comportamento social que forza ás mulleres a ter que optar entre carreira profesional e vida persoal. Trátase dunha decisión persoal que atinxe a cada muller, ou en todo caso, que se debe tomar no seo da familia, pero que as empresas non teñen que padecer, pois para os postos de relevancia teñen que contar coas persoas coa disposición e aptitude requiridas.

Tamén se negan a recoñecer a evidencia da realización de xornadas sen fin, que inflúen negativamente na nosa saúde e imposibilitan a conciliación do persoal co laboral. No seu mundo feliz non existen nin a presión, nin o esgotamento físico e psíquico. Descoñecen a existencia das chamadas «medidas de discriminación positiva», que se insiren nos plans de igualdade para facilitar a incorporación das mulleres a postos de responsabilidade e dirección sen que se vexan obrigadas a elixir.

E, con todo isto, reafirman a súa vontade negociadora e din que desexan acadar un bo Convenio para o sector, moderno e sen elementos obsoletos… Claro, as xornadas sen fin, a desigualdade e o recorte de dereitos son realmente elementos moi modernos… Deben confundir modernidade con actualidade, xa que as medidas que propoñen son as recollidas no recentemente asinado Acordo Estatal para o Emprego e a Negociación Colectiva con algunhas das organizacións que hoxe se sentan na mesa negociadora.

Dende a CIG, seguiremos reclamando a mellora das condicións laborais para o persoal do sector financeiro, nós non temos ataduras, nin con pactos nin con outras cousas semellantes. A nosa única atadura é cos traballadores e traballadoras aos que defendemos.

Próxima reunión o día 14 de xullo.





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]


Convenio Galego Xa!
Comunicado 150703 [.pdf • 147 kB]

Ningún comentario: