Estase a cargar, agarde un momento por favor!

15 de xullo de 2015

E chegaron as vacacións…

Como última reunión antes do parón estival, na reunión da mesa negociadora de onte, 14 de xullo, estívose analizando o proceso negociador até este momento. Realmente esta reflexión feita en voz alta polas partes pódese resumir en cinco palabras: NADA NOVO BAIXO O SOL.

Nada novo baixo o sol

Por se non o entenderamos, a patronal entregounos por escrito as súas razóns para recortar dereitos salariais, incrementar xornada laboral real, precarizar as novas contratacións e non corrixir a falta de igualdade e de conciliación da vida laboral e persoal dentro das empresas.

Non o din así tan claro, senón que utilizan eufemismos como «necesidade dun Convenio de adaptación ao presente, que permita o mellor futuro posíbel para o conxunto do noso sector», «necesidade de enfrontar de xeito decidido a transformación e modernización do noso Convenio Colectivo de Banca como mellor maneira de defender a competitividade e supervivencia do sector e do conxunto dos seus traballadores e entidades», «no Convenio non se está formulando unha redución salarial, senón unha modernización e adaptación da estrutura salarial, de xeito que poda resultar máis acaída coas exixencias actuais das entidades e unha adaptación do resto de aspectos do Convenio cara unha maior flexibilidade que debe redundar en beneficio de todos»…

Estas declaracións da AEB poñen ao descuberto as súas verdadeiras intencións e a súa falta de espírito negociador: ou aceptas o que eu che digo, ou non hai nada que facer e se non o tes claro, póñocho por escrito.

A crise do sector financeiro non a provocamos os seus traballadores e traballadoras e, sen embargo, fomos as súas vítimas e pretenden que o sigamos sendo. Á eliminación de case 70.000 postos de traballo queren engadirlle agora a eliminación de dereitos e redución salarial. E pretenden que lles deamos o noso parabén… Pois vai ser que NON.

Desde a CIG afirmamos que non se pode formular unha negociación nestes termos e por tanto urxe cambiar actitudes e propostas.

A ver se o verán e o sol iluminan as mentes e, na vindeira reunión do 9 de setembro, a patronal presenta alternativas, e non meras declaracións, que non vaian pola vía do recorte e supresión de dereitos.

Do contrario, nós teremos que emprender accións para conquerir o desbloqueo da negociación e, ao mellor, a alguén non lle van gustar.





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]


Convenio Galego Xa!
Comunicado 150715 [.pdf • 151 kB]

Ningún comentario: