Estase a cargar, agarde un momento por favor!

4 de maio de 2015

A patronal pretende unha nova reconversión do sector

A reunión do 27 de abril foi un calco das anteriores pero, máis alá das propostas aparentemente abstractas, queda clara a intención da AEB. Non estamos ante a negociación tradicional dun Convenio: a patronal quere unha transformación radical do modelo organizativo dos bancos, incidindo nas políticas comerciais e laborais que o persoal leva padecendo nos últimos anos e, para iso, precisa modificar a norma que regula as condicións laborais. Nin máis, nin menos.


Imaxe: El Roto - Dereitos Reservados

Os bancos non prestan servizo á sociedade: convertéronse en plataformas comerciais de colocación de produtos que a clientela non demanda; é nese modelo no que a AEB pretende afondar. A única lección que sacaron da crise é que hai impunidade para a banca.

A abafante presión comercial, os sistemas de organización do traballo que raian o acoso laboral organizado, longas xornadas laborais non reguladas (traballamos de 8 a 15 horas&helip; diarias!!!), a redución do salario fixo incrementándose a parte variable… son problemas que padecemos en primeira instancia os traballadores e as traballadoras, pero que finalmente padeceu a clientela e o conxunto da sociedade, que tamén foron vítimas da mala praxe comercial.

Lonxe de rectificar, os bancos (que cada vez actúan máis coma un oligopolio, unha vez eliminada a competencia por decisión política), fan unha serie de propostas aparentemente non concretas, co obxectivo de radicalizar esas políticas.

A banca pretender dar o paso final para converter as oficinas exclusivamente en puntos de venda, eliminando as xestións administrativas; con horario de apertura da mañá a noite; o persoal tería unha retribución «low‐cost» (a base de retribucións variables).

Din que hai que competir en custes e horarios coas financeiras (Cofidis… etc.) e coa banca telefónica por internet (dispoñible 24 horas ao día).

Iso significa que traballaremos moitísimo máis por moitísimo menos diñeiro, cunhas condicións xa totalmente desreguladas en materia de horarios, salarios e funcións. As empresas poderán asignar obxectivos individuais, podendo supoñer un motivo de despedimento o feito de non acadalos. Poderán efectuar traslados e cambios de posto sen restricións. Os Territoriais serán a lei, o terror como instrumento para xestionar ás persoas.

A CIG adiantouse presentando unha Plataforma que non só garante os dereitos do persoal, senón que propón alternativas viables e sostibles para o sector. Non hai que desregular as condicións do persoal de banca: o convenio debe ser aplicable a quen fai hoxe unha competencia desleal.




Ligazón relacionada:
Folla de afiliación: http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]


Convenio Galego Xa!
Comunicado 150428 [.pdf • 145 kB]

Ningún comentario: