Estase a cargar, agarde un momento por favor!

13 de marzo de 2015

Xunta Xeral de Accionistas 2015

Xunta xeral accionistas BBVA 2015
Esta foi a intervención da representante da sección sindical da CIG no BBVA, na Xunta xeral de Accionistas do 2015



Señoras e Señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demáis asistentes a esta Xunta, bos días…

Chámome Carmen García e son empregada de BBVA. Represento hoxe aquí á Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato máis representativo e con presenza maioritaria en Galiza. Ao mesmo tempo, teño a oportunidade de poñer voz a todos aqueles compañeiros e compañeiras que, coa súa delegación de voto, permítenme estar hoxe aquí ante vostedes.

Por vez primeira na historia desta Xunta, queremos salientar e saudar o feito de que, na nosa entidade, imos ter a posibilidade de proporcionar á nosa clientela, practicamente a mesma atención na nosa lingua, o galego, que en castelán. A implantación do proxecto «Multiidioma» en Galiza ven a darnos a razón sobre o que ano tras ano temos reclamado neste foro. A clientela, piar do noso negocio, merece unha entidade que recoñeza e respecte as súas diferenzas, a súa idiosincrasia ou, de outra forma, daranos as costas, buscando noutro lugar o que nós non saibamos darlle. Todo paso dado a recoñecer esa realidade é un paso dado na boa dirección e é de xustiza salientalo.

Sr. Presidente, pídesenos ser un BANCO 10, e o seu cadro de persoal merece o que sexa… pero para iso, non pode permitirse deixar na cuneta todo o talento, todo o compromiso, toda a motivación que se perde cada vez que non se poñen os medios necesarios para que ninguén, home ou muller, teña que renunciar a un posto, o que sexa, porque lle resulta incompatible coa súa realidade vital. Esta, por desgraza, é unha realidade sangrante por maioritaria no caso das mulleres en BBVA. E, coma sempre, téñao claro Sr. González, é unha cuestión de vontade, porque cada medida tomada a favor da conciliación é unha medida a favor dese círculo virtuoso que redunda nun beneficio mutuo, o da empresa e o do cadro de persoal, cun reflexo directo non só no clima e a saúde laboral, senón tamén, non o dubiden, na conta de resultados.

Queremos un BANCO 10 en responsabilidade. E as políticas retributivas desta empresa non son un exemplo nesa liña cuando, ano tras ano, temos que salientar que se seguen a promovendo medidas para que un colectivo de privilexiados se reserven o dereito a repartirse, de xeito escandaloso e inaceptábel, o que temos xerado entre todos e todas. Deixando de lado, poñendo obstáculos cada vez máis altos, cando non cambadelas, para impedir directamente ao cadro de persoal ter acceso a un reparto responsable e xusto do que é froito dun esforzo conxunto. É hora de que o recoñezan, e o materialicen nunha paga de beneficios que contribúa a dar argumentos a todos, a todos meus compañeiros e compañeiras para poder pensar que este poda chegar a ser o mellor lugar para traballar.

Queremos un BANCO 10 en calidade de emprego. E iso comeza por darse conta de que os traballadores e traballadoras desta casa demandan que dunha vez por todas se lles poña no sitio que lles corresponde. O lugar onde se recoñeza o inmenso sacrificio, a enorme profesionalidade con que, desde sempre pero con especial e doloroso énfase desde o inicio desta reestruturación sen fin, o cadro de persoal desenvolveu o seu traballo cotián para conseguir que este inmenso barco siga navegando. A presión desmedida á que se somete a oficinas e departamentos, que suplen coa súa valía o que esta empresa lles arrebata en medios humanos e materiais para que á fin, o recoñecemento sexa cada vez menor e xa, en moitos casos, inexistente, provoca una desmotivación crecente, por non falar de doencias psicosociais e de todo tipo, cuxa orixe non é outra que o exceso de carga de traballo e esa presión comercial sen límite á que, de forma recorrente, sométese ao cadro de persoal.

Esta é a realidade de BBVA en Galiza, no teñan ningunha dúbida.

Queremos o seu compromiso claro para que se poña fin ás sistemáticas prolongacións da xornada laboral, sempre sen remunerar, aos «convites» a reunións fora de horario.
Queremos o seu compromiso para racionalizar a carga de traballo, que se fan tan inasumible.
Queremos o seu compromiso para poñer coto aos movementos de persoal xeneralizados, que o único que fomentan é a falla de estabilidade laboral necesaria para levar a cabo a nosa labor coa calidade que se nos esixe.
Demandamos un compromiso que promova unahs relacións laborais baseadas nun diálogo constante, no respecto á liberdade mutua e escrupuloso coa legalidade vixente, sen inxerencias e con espírito construtivo.

Ese é o BANCO 10 que merecemos por dereito.

É o BANCO 10 ao que aspiramos e o que seguiremos reclamando.


Moitas grazas Señoras e Señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demáis asistentes a esta Xunta pola súa atención.




Comunicado 150317 [.pdf • 92 Kb]


Ningún comentario: