8 de marzo de 2015

10 de marzo. Día da clase obreira galega

Contra a probreza

Emprego e salarios dignos

Nestes meses atrás, a Axencia Tributaria (Facenda) daba a coñecer por medio dun informe os ingresos por rendas do traballo dos asalariados e asalariadas no Estado e tamén en Galiza. Os datos desvelan unha situación de precariedade extrema e de pobreza que se instala no mundo do traballo, co perigo de se converter en estrutural e definitivo.

Galiza conta na actualidade con 969.000 asalariados/as, dos/as cales 301.000 —o 31%— ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648  /mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200  /mes, o 18'2% do total. No Estado máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación.
O salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos.

A causa desta fractura que mantén a xente con traballo na indixencia, está na brutal reforma laboral aprobada no ano 2012. Aquela reforma solicitada polas grandes empresas e a Banca, que son os que realmente mandan no Partido Popular, orixinou unha multiplicación da precariedade, con masivos contratos de 1 ou 2 horas á semana ou menos de 10 horas ao mes. Estas persoas non contan como desempregados/as; se contasen e sumásemos os 80.000 mozos e mozas que marcharon á emigración nestes 5 anos, o paro en Galiza superaría o 40%. Esta é a mellora nas estatísticas de paro que presentan o Goberno español e a Xunta.

O Goberno do Partido Popular coas reformas impostas está empobrecendo a clase traballadora de tal maneira que, xa hoxe, ter traballo non garante unha vida digna. O PP, inzado pola corrupción, segue adiante coas súas políticas antisociais desaloxando miles de familias das súas vivendas, provocando que o 25% dos/as menores de 14 anos teñan problemas severos de alimentación ou dificultando o acceso aos medicamentos a moitos cidadáns como as persoas afectadas pola hepatite C. A isto súmase o recorte das liberdades públicas, unha forte represión contra os movementos sociais e a modificación de leis como o Código Penal e a .

A conmemoración do 10 de Marzo é unha data de referencia de loita da clase obreira galega, que no ano 1972 deu un exemplo de loita, especialmente en Ferrol e Vigo, contra a ditadura, para ter dereito a negociar convenios en Galiza, para mellorar os salarios, para reducir a xornada de traballo de 6 días á semana; cunha dura represión que custou dúas vidas obreiras e centos de persoas detidas. Agora, 43 anos despois, unha nova ditadura dos máis ricos, dos capitalistas castizos de Madrid, da banca e das grandes empresas, que defraudan máis de 80.000 millóns ao ano a través de filiais en paraísos fiscais —tal e como da Facenda—, ten o noso pobo nunha situación crítica de emerxencia.

É preciso seguir a oporse con firmeza a esta situación de opresión e de explotación. Necesitamos decidir nós mesmos/as o noso futuro, ter a soberanía sobre o que nos é vital para unha vida digna. Defender os nosos intereses como nación fronte a España e Europa, que non contan coa nosa opinión, que nos usan como consumidores/as e como fonte de recursos e man de obra barata, que nos asimilan no seu idioma atacando o que nos é propio. Ou seguimos o exemplo de loita da clase obreira galega do 72 ou deixaremos de ter futuro como pobo.

Mobilízate coa CIG o 10 de Marzo, día da clase obreira galega!


Participa coa CIG nas manifestacións do 10 de Marzo




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: