Estase a cargar, agarde un momento por favor!

2 de xaneiro de 2015

Desexos de Aninovo


Benqueridos Reis, aquí vai a lista dos meus desexos para o ano que vén…

Como o meu comportamento foi mellor que bo, teño por seguro que me merezo todo ou case, case… e se tendes algunha dúbida, podedes consultar a miña catalogación para confirmalo.


O primeiro, e máis importante, é que me gustaría saír á hora do choio sen a dor de cabeza dos problemas da oficina. Así podería facer fronte ao resto das miñas responsabilidades, estar coa miña familia ou, con sorte, dar un paseo e vela luz do día… que di o meu médico que teño falla de vitamina D… Pensade, maxestades, que así sería máis doado para vós cumprir co meu desexo de conciliación, que teño aos avós a piques de poñerse en folga e din na gardería que hai unha lei que impide as crianzas estar máis de 8 horas seguidas nela… e, tamén, de paso, axudaría para que se puidese contratar máis persoal no banco, que boa falla fai… Vaia, o que se chama un «hat-trick» dos desexos!!!

Tamén me gustaría que o convenio de banca que se vai renovar, garanta un emprego estable e de calidade, e venme á cabeza que por pedir, tamén podería desexar que se habilite un equipo volante que cubra as distintas continxencias nas oficinas e, xa de paso, que o banco cubra as baixas sen que teñan que pasar 4 meses, que é unha eternidade.

Xa por último, queridos Reis, que esta empresa me faga sentir como un membro valioso dela e non coma un peón de xadrez ao que mover, segundo o arbitrio de a saber quen, e que no ano que entra non nos muden as regras de produtividade coma teñen por costume.

Xa sei que son moitas cousas pero… por pedir!!!
Aproveito a ocasión para desexarlle o mellor para o ano vindeiro a todo o cadro de persoal da empresa, que levan a excelencia impresa dende o ADN até o RBA

FELIZ 2015 a todos e todas vós!!!




Comunicado 141229 [.pdf • 67 kB]




Ligazón relacionada:
Folla de afiliación: http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]

Ningún comentario: