Estase a cargar, agarde un momento por favor!

23 de decembro de 2014

Últimos cambios: valoración da CIG

Dende a Sección Sindical da CIG no BBVA adoitamos agardar a ter datos oficiais para poder valorar de xeito rigoroso calquera cambio dentro do cadro de persoal da empresa, como o que estamos a vivir nestes momentos. Lamentablemente, a esta hora, iso non é posible, porque a Dirección de Recursos Humanos non facilitou esta información aos sindicatos, dando mostra do escaso ou nulo interese que existe en facelo en tempo e forma, argumentando que non existe obriga legal, cando estamos a falar duns movementos nunca vistos ate o momento tanto polo número de persoas afectado, como polo xeito de implantalos.

Movementos que afectaron da orden de cento e pico, e o pico é largo, de persoas, en tódolos niveis, ao longo das tres zonas de Galiza. Insistimos: o nunca visto!!!

Non somos números, somos persoas

A nosa preocupación vai máis aló do maltrato sindical, que case xa é un modus vivendi, e céntrase moi particularmente nas consecuencias para as persoas afectadas. Falamos de conciliación familiar, con movementos as veces a moito máis de 25 km., das rebaixas salariais para os descensos de nivel ou nos cambios propostos que, ou se aceptan, ou xa sabemos o que nos toca…

Neste tótum revolútum que é a nosa realidade cotián, seguimos inmersos nunha marusía de cambios que semella non ter fin. Precisamos de estabilidade laboral para poder facer o noso traballo coa calidade que se nos esixe, a máxima sempre, e que é a que se merece a nosa clientela. Estabilidade nas oficinas e nos departamentos. E iso nin o temos, nin os máis vellos/as do lugar acordan de cando foi que a tivemos.

Nesta reestruturación que nunca remata, toca agora principiar un novo ano co taboleiro descolocado e poñendo as fichas a cero para comezar a nova partida, un xogo no que as normas mudan e no que quen saímos perdendo, somos sempre as mesmas persoas.

Rematamos este comunicado, desexándovos a todo o cadro de persoal que gocedes das festas con saúde e bo humor, aínda que saibamos que a moitos e moitas, a festa xa nola deron…




Comunicado 141223 [.pdf • 34 kB]




Ligazón relacionada:
Folla de afiliación: http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]

Ningún comentario: