19 de marzo de 2014

O Presidente está na nube

Carmen González da Confederación Intersindical Galega (CIG) nun momento da Xunta Xeral de Accionistas do BBVA 2014

Carmen González da CIG nun momento da Xunta Xeral.

O pasado venres 14 de marzo, estivemos na Xunta de Accionistas do BBVA en Bilbao para facernos oír diante do Consello, no único intre no que a censura non é posible, e trasladarlle a nosa visión da realidade laboral no BBVA e as inquedanzas dos compañeiros e compañeiras que nos levastes alí un ano máis.
Queremos dar grazas a todos os empregados e empregadas que coa súa delegación de voto fixestes posible a nosa presenza no Palacio Euskaldún.

Aquí vai o resumo do que alí se falou e a nosa visión do que alí se viviu.

Francisco González, Presidente de BBVA, quere transmitir que este é un banco distinto e, para exemplificalo cóntanos, para comezar co seu discurso, a historia de Juan Carlos Yáñez, compañeiro en México, que despois de perder a súa casa tras un furacán, non dubidou en conseguir, coa axuda do exército, que na zona que dependía del funcionaran ata 5 caixeiros automáticos, e permitir que a poboación puidese retirar cartos neses dramáticos momentos. Porque, segundo as súas palabras, este banco é un conxunto de persoas que traballa para persoas. Despois da sorpresa inicial, non entendemos se este é un novo exemplo de por onde van os tiros na política laboral da empresa. Pasamos de mudar a roda en marcha, directamente a comportamentos heroicos. Supoñemos que a catalogación deste compañeiro sería, cando menos, destacada.

De seguido, comezou un baile de cifras acerca do comportamento da economía española (malo) pero do que temos aberta unha fiestra a esperanza. Este banco confía nun comportamento positivo da economía do estado español, que será dun 1% ou máis se este Goberno segue co seu proceso de reformas. España vai na boa dirección… Nun «guiño« a Administración actual que vén sendo habitual dende o cambio de Goberno.

Para o Sr. González xa saímos da crise, pero aínda queda moito por facer e, entre o que queda por facer, fala do déficit e da débeda pública, de reformas estruturais, de competitividade. Temos que rematar a reestruturación económica e fai falla transparencia e rigor versus corrupción. E volta a gabar a reforma laboral. E neste intre, lembrei algún xestor/a de RR.HH que tanto falan da reforma laboral nas súas entrevistas cos compañeiros. Xa se ve de onde vén.

Dá importancia a loita contra a corrupción, xa que esta desalenta a inversión e rebaixa a competitividade. E di que «un país máis íntegro é máis competitivo». E avoga porque a rendibilidade se axuste a principios, ou se rompe a reputación do banco. Indica tamén que este banco non ten conflitos pendentes coa Xustiza. (!) Sen palabras.

A continuación, explica os resultados de 2013 e comenta a fortaleza dos ingresos recorrentes, tamén resultado da xestión prudente dos gastos, que nos leva a unha marxe neta resistente. Somos un dos bancos líderes en eficiencia, a pesares da forte inversión en tecnoloxía e, quitando a parte inmobiliaria (esa que provocou o buraco de máis de mil millóns cunha taxa de mora declarada do 55%), fala de estabilización dos riscos… cunha taxa de mora do 4% con menos do 60% de cobertura.

Para o Presidente, o banco xa non ten o foco na crise. Somos solventes e a nosa taxa de retorno para o accionista vai por riba da media. Resalta que imos pagar ao accionariado un dividendo de 17 céntimos en abril. Non indica nada de que non se pagou o anterior.

E agora, deixamos de mirar cara atrás e botamos unha ollada ao futuro da empresa.

Estamos en condicións de ser o líder de futuro a nivel mundial da industria financeira. É o avance tecnolóxico o que vai mudar o sector. Este ano xa non fala de ser o mellor banco universal do mundo. A banca tradicional ten que enfrontarse ao cambio que supón a entrada na competición dos xigantes dixitais pola parte dos pagos. Ten que mirar á clientela e ver que é o que queren: axilidade, transparencia, accesibilidade dende calquera lugar… Todo isto cambia o rol das oficinas bancarias. A clientela quere unha experiencia "omnicanal" e tamén queren produtos e servizos que sirvan as novas necesidades.

A banca estase a converter en BIT (Banca de Información e Tecnoloxía). A explosión do mundo dixital está aquí e vai ter impacto no noso negocio. BBVA está preparado para esta transformación. Fixo o necesario para estalo e isto vaise notar a partires deste ano… E aquí, honestamente, non puiden máis que pensar nos primeiros peches de oficinas que vivimos en 2013, e no que nos deparará o futuro. Salientamos a intervención de Ángel Cano, indicando que en España hai unha taxa de mora do 6'4% cunha cobertura do 41%, moi por baixo do resto das entidades bancarias. E non é un erro de transcrición.

O Sr. González fixo unha resposta en común as intervencións sindicais, mudando a norma habitual de respondelas unha por unha. Di que as relacións entre BBVA e os sindicatos foron correctas. Eu engadiría que con algúns foron estupendas, namentres que con outros directamente non queren ter nada que ver.

Pasamos a crise por nós mesmos, creando postos de traballo (lembremos Vanguard e agora Niquel) e co nivel de paro que hai en España, considera que non son xustas moitas das cousas que se dixeron aquí. Ou sexa, que temos que dar grazas por ter un emprego (que por suposto que as damos) sen lembrar que o noso soldo é en troques do noso traballo. O que gañan os directivos (lembremos, 2.200 nesta casa), está na media do resto de entidades e o mesmo pasa cos empregados. Xa nos gustaría, Verdade?.

Só falamos do mal que o fixo o BBVA e non do mal que o fixo o resto, e este banco non se presta a ningunha chantaxe… Sen palabras. Fálase moito do 200% e é mentira, trátase de que se se cumpren os obxectivos, se sume o 100% ou o 200%. Quérese enganar á xente dicindo que eles queren . Indescritible.

Subliñamos a resposta do Presidente ante o tema de xénero formulado unha e outra vez por nós. Como o ano pasado, a súa resposta é que non existe tal discriminación e que cada vez hai máis presenza feminina, pero hai que darlle tempo ao tempo. En definitiva, que non van facer nada de nada porque neste banco non parece que exista teito de cristal e, aclara, non se pode dicir que exista discriminación e, se existe algún caso concreto, que se lle comunique.
Riremos por non chorar.

Agardamos que este resumo, sirva para poñer a cada quen onde lle corresponda.





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 140319 [.pdf • 62 kB]


Ningún comentario: