13 de novembro de 2012

Veñen a por nós, esta é a nosa Folga Xeral

Estamos ante unha convocatoria de Folga Xeral que se enmarca nunha xornada europea de loita, son os «euroburócratas», que non foron elixidos democraticamente os que impulsan recortes, despedimentos e privatizacións de servizos básicos para a cidadanía, empobrecendo a maior parte da poboación. A maioría social non sairá desta crise, coas súas medidas están sentando as bases para un novo sistema inxusto e insolidario cara o futuro.

No caso do sector financeiro, estamos ante unha reconversión permanente impulsada dende o centro do poder: o norte de Europa. A Troika (Comisión Europea que non foi elixida pola cidadanía, o BCE que tampouco é un organismo democrático e o FMI que non sabemos quen lle deu vela neste enterro), tomou o control do sector financeiro e quere impoñer as receitas que xa fracasaron en Grecia ou Portugal.

Impulsan unha dura e feroz reconversión, da que ninguén está libre:


Nun gran número de Entidades Financeiras pasamos de prexubilacións a prexubilacións vía ERE. Posteriormente a baixas incentivadas con 45 días por ano traballado cun tope de 42 mensualidades; despois toparon a contía das indemnizacións.

Xa existía o despedimento obxectivo, 20 días por ano traballado cun máximo dunha anualidade, pero aos despedimentos na banca sempre se lle aplicou a indemnización dos despedimentos improcedentes (45 días cun máximo de 42 mensualidades).

A Reforma Laboral de Rajoy rebaixou a indemnización por despedimento improcedente. Seguen os 45 días e 42 mensualidades, e os días traballados a partir de febreiro indemnízanse con 33 días por ano traballado e 24 mensualidades. En todo caso, a suma de ambas indemnizacións segue topada nas 42 mensualidades.

Sen embargo nos últimos ERE's nos bancos a indemnización e o tope de mensualidades a percibir están por baixo da reforma laboral aprobada polo PP. A este paso pagaremos aos bancos cando nos despidan. Ademais, o Goberno pretende endurecer a xubilación anticipada, encarecendo calquera posibilidade de prexubilación. É dicir, só deixan aberta a vía traumática.

Por último a sociedade é consciente do espolio do erario público por parte dos banqueiros (ata os bancos «sans» están recibindo axudas encubertas, senón terían caído tamén). A indignación social ante os produtos tóxicos colocados á clientela, ante as restricións do creto que obrigaron ao peche de numerosas empresas, ante os desafiuzamentos inxustos, trasládase cara a nos, cara aos bancarios e bancarias.

É por iso que os traballadores e traballadoras da banca debemos dar un paso adiante, para defender os nosos postos de traballo, para situarnos do lado da nosa clientela e, para como cidadáns que somos, reclamar un sistema máis xusto que garanta a cohesión social, os servizos básicos de Saúde, Ensino… etc. E para reclamar esencialmente democracia e soberanía, que diso se trata.

O 14 de novembro que traballen os banqueiros,
os bancarios e bancarias temos FOLGA XERAL!!





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 121113 [.pdf • 20 Kb]



Ningún comentario: