Estase a cargar, agarde un momento por favor!

2 de outubro de 2012

Satisfacción

Nun entorno laboral cada vez máis confuso, nun sector a piques de ser reestruturado, o persoal da banca está a soportar a meirande parte do peso da mala xestión da Alta Administración dos bancos. Compartimos gastos, pero non capacidade de decisión. Compartimos responsabilidade, pero nos tempos de vacas gordas por máis que se pediu, non se compartiron beneficios extraordinarios.

BBVA busca o control de gasto na fusión con Unnim, pero É o único criterio a ter en conta? É a mellor solución facer un ERE extintivo no banco catalán? Tense considerado dende un punto de vista empresarial a idoneidade do persoal que quede tras a fusión para sacar adiante as oficinas? Téñense considerado as condicións laborais familiares e persoais para afectar aos dereitos de uns ou outros traballadores e traballadoras?

Aínda no caso de que non vexamos afectados os nosos dereitos laborais de xeito inmediato pola aplicación dun ERE en BBVA, Quen di que non vai sobrar persoal de procedencia BBVA no entorno dunha posible adquisición de outras entidades ou de parte delas? Temos información sobre como actuar? Coñecemos os nosos dereitos? A nosa impresión é que non. Nembargante, o noso consello é único e válido para calquera entorno posible: INFORMACIÓN e ASESORAMENTO.


O Convenio de Banca e o Estatuto dos Traballadores seguen en vigor e, polo tanto, non é certo que nos poidan modificar sen máis as nosas condicións laborais.
Baseándonos nesta premisa e nas experiencias que nos contan dende outras entidades inmersas xa en reducións salvaxes de cadros de persoal con ou sen EREs, encubertos ou non, ante calquera proposta da empresa que supoña modificación das condicións do traballo, ante calquera presión, ante calquera dúbida NON VOS APRESUREDES EN CONTESTAR. ASESORÁDEVOS, e decidide en base a unha información completa e personalizada, e ACUDIDE Á REPRESENTACIÓN SINDICAL para que vos sirva de apoio fronte a posibles presións da empresa.

Como último consello, convidámosvos a que, como vos pide BBVA, cumprimentedes a ENQUISA DE SATISFACCIÓN DO/A EMPREGADO/A. Aínda que sabemos que fan as preguntas de xeito inconcreto e as respostas son interpretadas de xeito máis que discutible, é unha das poucas vías de retroalimentación real que nos brinda BBVA.
Facédevos oír a través dela e deixade saber aos de arriba que, xa que somos quen facemos funcionar a empresa facendo máis horas das que corresponden, con escaseza de persoal e unha informática que funciona cando quere, queremos que BBVA respecte o noso labor de anos facéndonos sentir satisfacción, en lugar de preocupación, presión e estrés.



Comunicado 121002 [.pdf • 40 Kb]

Ningún comentario: