Estase a cargar, agarde un momento por favor!

18 de setembro de 2012

Dietas milagre

Rematado o mes de agosto, aínda que este ano non fixo calor, afogo si que se pasou.

Como era de esperar, moitas oficinas, que no verán teñen máis afluencia de público que en inverno, andaban cortas de persoal. Tanto, que incluso se andaban a cubrir oficinas de un posto con persoal non apoderado...

Coma sempre, advertimos á empresa de que isto ía pasar, e máis aínda co movemento de clientela procedente de outras entidades, que non só deu moito choio adicional en certas oficinas, senón que fixo crecer a esgalla a súa base de clientela sen que a empresa lles dea persoal de apoio, nin temporal, nin definitivamente.

Coma sempre, a empresa dixo que están a cubrir os postos de caixa e as baixas de longa duración, e que o equipo voante se ocupa... xa coñecemos a ladaíña, porque o certo é que as necesidades a cubrir exceden enormemente a dotación de voantes.

Ante tal evidencia a resposta de BBVA soe ser que «está deseñado así». Pois parece que o deseño non chega. Parece que nos mandaran unha dieta de comer unha froita cada día e máis nada, pero que nos deran catro para os sete días da semana.

Por se non se deran conta, todas as oficinas xa están co persoal excesivamente axustado, polo que a saída temporal de calquera xestor/a comercial (e nas oficinas nas que aumenta a clientela no verán, máis), deixan ao resto do persoal cunha carga de traballo que non é posible asumir, pero non lle mandarán a ninguén.

A dotación de persoal é insuficiente, acéptase que a xente traballe fóra de hora, coas claves de outros, perdendo de conseguir os seus obxectivos, e co risco de cometer erros por andar a correr coma se fora o normal, e a empresa mira para outro lado mentres non haxa un problema concreto do que culpar a alguén.

Non hai dietas milagre, nin se cura un brazo roto cun esparadrapo. As reducións de gastos ben se puideron facer non blindando remuneracións para o Consello de Administración, pero BBVA sempre tira do mesmo sitio.

Cremos que xa vai sendo tempo de que a empresa poña os medios para facer o traballo coa calidade da que logo fala nos medios e, se non sae deles, debemos pedilo, tanto a través dos propios responsables na estructura do banco, como a través nosa, para que o denunciemos unha e outra vez. Non se trata dun capricho nin dunha reivindicación absurda, senón de facer o traballo cos medios necesarios. Nada máis.


Para que as cousas funcionen ben, temos que pedir a BBVA unha vez máis que deixe de adelgazar o cadro de persoal en especial no verán. Non ás dietas milagre!





Comunicado 120918 [.pdf • 28 Kb]




Ningún comentario: