Estase a cargar, agarde un momento por favor!

16 de marzo de 2012

Xunta Xeral de Accionistas 2012

Intervención da CIG BBVA na Xunta Xeral de Accionistas 2012
Intervención da nosa representante na Xunta Xeral

Un ano máis, a compañeira Teresa Richard interveu na Xunta Xeral de Accionistas de BBVA que se celebrou o día 16 de marzo en Bilbao en nome da nosa Sección Sindical. Deste xeito, trasladamos as vosas reivindicacións e preocupacións directamente ao Consello de Administración do Banco.


Ademais de continuar cunha agresiva política de endebedamento, en plena crise, o Consello propón que o cargo de Conselleiro non executivo sexa remunerado, repartindo 6 millóns de euros entre trece persoas este ano, sen contar cos incentivos. Aproveitan tamén para eliminar o dividendo mínimo e a garantía de pago de dividendos se a empresa ten beneficios. Ben se ve que cartos hai, e se non se piden... pero depende para que.

Total, que como accionistas non nos vai ben, e peor como traballadores e traballadoras con certos sindicatos pactando coa AEB a conxelación salarial para os próximos dous anos.

O Presidente, moi satisfeito pola traxectoria de BBVA e optimista en canto ao futuro, aínda que prevé un mal ano, volveu insistir (e incluso se proxectou un vídeo) nos enormes avances tecnolóxicos futuristas, ao que lle tivemos que recordar que algo tan básico como unha apertura de conta leva, se funciona o sistema, non menos de media hora.

Nunha resposta conxunta aos sindicatos, afirmou que mantén un dialogo fluído con toda a representación sindical, o que polo menos no noso caso, non é certo, xa que non nos aportan informacións as que temos dereito por Lei, nin nos permiten estar nas comisións nas que deberiamos estar.

En calquera caso, o noso discurso tivo moi boa acollida entre as persoas asistentes, na súa maioría persoal do banco, ao tratar temas reais que nos afectan a todos e todas.

A continuación reproducimos o texto íntegro da intervención, que esperamos entendades:


Intervención da representante da Sección Sindical CIG BBVA na Xunta de Accionistas 2012


O meu nome é Teresa Richard, son empregada e accionista de BBVA, e represento á Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega en BBVA, sindicato de representación maioritaria en Galiza.

Como cada ano, vémonos na obriga de protestar polo trato discriminatorio que se lle dá ao idioma galego fronte a outros do Estado español na nosa entidade, situación que esiximos sexa corrixida no menor prazo posible, ou teremos que iniciar unha campaña pública de denuncia entre a clientela.

É o sétimo ano consecutivo en que compartimos con vostedes, como colectivo especialmente comprometido coa empresa e particularmente coñecedor do seu funcionamento interno, a nosa visión do BBVA. Se como accionistas queremos que a empresa sexa rendible e dea beneficios, como traballadores e traballadoras moito máis, xa que supón o noso medio de vida e, dada a implicación que nos demanda e o tempo que lle dedicamos, a mellor xestión, e que a súa imaxe se axuste á realidade, é primordial para nós.

É o cuarto ano que falamos de crise. Ao principio ninguén quería recoñecer a súa existencia e, agora, parece xustificar calquera recorte de gastos ou descenso de beneficios. A este respecto queremos destacar que nos bos tempos non se compensou ao persoal como se merecía, mentres que na conxuntura actual o persoal está soportando todas as dificultades, profesional e economicamente.

Non é o primeiro ano en que denunciamos como a política do BBVA aposta por emitir instrumentos de débeda por colosais cantidades e autorizar ampliacións de capital, outra vez dúas neste 2012, aumentando máis o noso endebedamento e reducindo as nosas reservas e o valor da acción. Nada menos que tres puntos da orde do día permitirán novas ampliacións. E iso por non falar dos problemas que sofre o persoal polas presións ás que lle somete a empresa na súa colocación, e a clientela cando descobre que non era tan bo negocio como lles dixeran.

Tampouco é o primeiro ano en que amosamos o noso desacordo cos incentivos propostos para conselleiros e directivos de BBVA, tanto polo seu importe global, como pola manifesta desproporción do reparto entre uns e outros colectivos. O esforzo no BBVA segue retribuíndose de modo inxusto: os accionistas están soportando o continuo deterioro do valor da acción e o persoal de rede sofre de modo directo o impacto da crise, pero, iso si, segue sendo quen consigue, a golpe de campaña, as delegacións de voto necesarias para manter ao actual Consello en activo e validar as súas propostas. Desgraciadamente, así facemos do Consello un ente omnipotente que converte esta Xunta nun mero acto formal.

Pero este ano, por primeira vez, proponse:
  • Recoller nos Estatutos que o cargo de Conselleiro sexa retribuído.
  • Suprimir o pago de dividendo mínimo aos accionistas.
  • Suprimir a garantía do cobro de dividendos cando a entidade obteña beneficios.
É dicir, que mentres o Consello decidirá se os accionistas cobramos ou non dividendos, os Conselleiros terán asegurada unha remuneración (ademais de poder ter incentivos), independentemente en ambos casos, dos resultados económicos da Entidade.

Está claro que quen parte e reparte queda coa mellor parte, especialmente se se prevé que coa crise, a torta pode minguar.

Ademais, o BBVA segue a levar traballo fóra do Estado español, e traballo de banca a empresas que contratan en precario, afectando sen dúbida á calidade do servizo.

Por se fora pouco, propoñen autorizar unha enorme delegación de facultades no Consello que, á súa vez, pode delegar nun conselleiro. Parece que este camión o dirixe só o señor Presidente, e como dicía o ano pasado, está cambiando as rodas en marcha. Igual era mellor que se baixara, xa que se aplicamos os criterios que usa a entidade para desfacerse do persoal que lle sobra, está nun baremo de idade, no que xa non se lle consideraría apto para realizar ningún labor.

Así as cousas, que o Consello queira blindar a súa posición, mentres prexudica as do accionariado e persoal, parécenos unha broma de mal gusto. Esperamos que teñan en conta as nosas verbas, retiren o seu apoio á xestión deste Consello e voten NON as súas propostas.

Moitas grazas pola súa atención.
Bilbao, 16 de marzo 2012



Comunicado 160312 [.pdf • 160 Kb]

Ningún comentario: