24 de marzo de 2011

O símil do camión

Dixo o noso presidente, Francisco González, o día da Xunta Xeral de Accionistas, que o BBVA é como un camión enorme, como un tráiler que non para mentres vai adaptándose aos cambios aos que o somete as decisións do equipo directivo.
O símil do camión viña a ilustrar o magnífico traballo de implantación, sempre segundo o gran xefe, da tamén magnífica nova plataforma informática.

O certo é que aos traballadores e traballadoras do BBVA non nos poden vender ese conto nin en  3D : van instalando aplicacións, fan as probas e nada funciona.
De feito, o que en principio ía comezar a funcionar, primeiro a principios e logo a mediados de marzo, xa non se fará polo menos ata abril, e menos mal, porque a primeira idea era facer a implantación antes de que o persoal asistira ao curso de formación.

Iso si, a información, como vedes, é de primeira.

23 de marzo de 2011

Escandalosos beneficios para as grandes empresas mentres empobrecen a clase traballadora

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a maioría sindical vasca (ELA, LAB, STEE-EILAS, EHNE e HIRU) ademáis da Intersindical Canaria e Confederación Sindical Catalana van desenvolver unha manifestación o vindeiro 5 de abril en Madrid en contra das reformas do goberno (concretamente a reforma das pensións e da negociación colectiva) e na defensa do dereito a decidir nos propios territorios as condicións laborais e sociais. Na marcha agárdase que participen arredor de 3.500 delegados e delegadas de todas as organizacións sindicais, dos/as que uns 1.200 serán representantes sindicais da CIG, podes vir —de balde— conosco si queres, para o cal anótate nos nosos locais.

O goberno español e a maioría dos grupos parlamentarios (agás BNG, IU e ERC) aprobaron a anterior reforma laboral e amosaron o apoio á reforma das pensións que se debate este mes no Congreso. Tamén queren aprobar en breve unha reforma para impedir que decidamos sobre os nosos convenios. Todas estas reformas están pensadas para reducir dereitos, salarios e pensións da clase traballadora.

14 de marzo de 2011

Intervención na xunta xeral de accionistas 2011

A nosa compañeira, Teresa Richard, interveu en nome da nosa Sección Sindical na Xunta Xeral de Accionistas do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria de BBVA que se celebrou o día 11 de marzo en Bilbao, coma xa fixera en anos pasados. Deste xeito trasladamos as vosas reivindicacións e preocupacións directamente ao Consello de Administración do Banco.

Salientamos como a política do actual Consello de Administración segue a reducir gastos a costa de empeorar as condicións de traballo,
Teresa Richard nun momento da súa intervención
Teresa Richard nun momento da súa intervención
 e perdendo clientela na nosa cota de mercado, aínda que aproba políticas de endebedamento para expandirse sen medida. Iso si, sempre haberá unha dotación de reservas para incentivar ao grupo directivo.

O Presidente, nun discurso cheo de abstraccións e baleiro, anunciou unha gran inversión en plataformas informáticas, encamiñadas a maximizar a automatización, e defendeu a súa xestión culpando do pésimo valor da acción e dos máis que discutibles resultados no Estado e en Portugal, á perda de confianza no sistema financeiro do Estado español. Haberá que ver se ditos argumentos tamén teñen peso nas nosas avaliacións e no novo modelo de incentivación, pero non o esperamos.

12 de marzo de 2011

Galiza ten dereito! En defensa do aforro, do emprego e do País

Galiza ten dereito!
A CIG e o BNG convocan a unha manifestación nacional este domingo, 13 de marzo ás 12:00 h. (CET) dende a Alameda de baixo o lema «Galiza ten dereito! En defensa do aforro, o emprego e o país».

A marcha quere ser unha resposta contundente aos ataques que están a padecer sectores estratéxicos do noso País, nomeadamente as caixas de aforros.

8 de marzo de 2011

Contra as reformas do capital: MOBILIZACIÓN!

A CIG convoca manifestacións en e o 10 de Marzo, , contra o pacto económico e social. As mobilizacións sairán ás 20:00 h. (CET) dende a Avenida de Esteiro e dende a viguesa Vía Norte.

O 10 de marzo de 1972 a clase traballadora
galega loitou contra a ditadura, con centos
de detidos, feridos e dous mortos:
Amador Rei e Daniel Niebla a mans da
policía, conseguindo que os convenios
se negociasen aquí, vencendo ao
sindicalismo vertical.
Agora UGT e CC.OO retroceden
os noso dereitos 39 anos.
Antes o réxime tiña un
sindicato vertical,
agora ten dous.

3 de marzo de 2011

O Proxecto CORE

O pasado día 10 estivemos en Madrid. Alí nos contaron a grandes rasgos, o que xa vos contaron a todos e todas vós tamén: Que se reduce o equipo administrativo nas CBC e que as tarefas que se deixan de facer en oficina as realizará OP+.

A información, coma sempre, chega tarde, é insuficiente, e ás veces contraditoria. A maior inquedanza das persoas que poden estar afectadas é que vai pasar con elas, e cando: polo de agora nos confirman que en marzo non se incorpora ningunha oficina galega ao Proxecto, que a nosa Territorial prevé rematar o proceso en marzo de 2012, e que nos pasarán o calendario para os próximos meses en canto estea pechado.

Segundo o perfil das oficinas, desaparecerán un ou máis postos de administración e, dado que polo de agora non hai prexubilacións, o persoal será desprazado a outros postos, incluídos os equipos de cobertura e apoio a oficinas, para o que o departamento de persoal xa está a tantear as preferencias destas persoas.

Participa conosco no Día da Muller Traballadora

Che convidamos a participar nas concentracións que co motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, van ter lugar nas distintas comarcas diante dos edificios da Xunta de Galicia.