Estase a cargar, agarde un momento por favor!

16 de decembro de 2011

A CIG non defende conxelación salarial, recortes de dereitos, nin despedimentos

Na reunión do día 15 de decembro, ante os procesos de concentración/absorción, a CIG insistiu na necesidade de avanzar na homologación das condicións laborais do persoal da banca co persoal das antigas Caixas. Incorpórase aos bancos persoal procedente das Caixas con mellores condicións laborais. Queremos que se respecten esas condicións e que avancemos na homologación das nosas.

Dito isto, a posición mantida por CC.OO e UGT na mesa fai imposible que afrontemos o proceso de xeito unitario, xa que as súas propostas son francamente inaceptables dende o punto de vista sindical e laboral.

  • Propoñen CC.OO/UGT un Convenio a 4 anos, aceptando a conxelación salarial (suba “0”) para os anos 2011 e 2012. Nos anos posteriores a suba se vincularía a dous interruptores: a evolución da economía do Estado e das propias Entidades.
  • En materia de Previsión Social pretenden obrigar ao persoal a xubilarse aos 63 anos, para que as empresas aforren nas achegas aos plans de pensións/fondos internos. Esta medida suporía unha perda na futura prestación do 15—30% . Ademais, entra en contradición co pacto que asinaron recentemente para adiar a xubilación ata os 67 anos. Como contrapartida, piden que se inclúa unha achega para o persoal posterior ao ano 80 (o lóxico sería pedir que o Santander, Banesto ou Banco Gallego exterioricen os fondos internos, deste xeito o persoal posterior ao ano 80 tería dereito ao plan de pensións).
  • Ante a reestruturación do sector solicitan que as empresas reforcen os recursos económicos para os sindicatos.
  • Solicitan un acordo en materia de eleccións sindicais, que nós rexeitamos, que deixaría a unha parte considerable do persoal sen a posibilidade de ter representación sindical. A CIG quere que o persoal poda seguir elixindo aos seus representantes por sufraxio universal, como vimos facendo dende o final da ditadura de Franco.
  • Din que queren garantías de emprego, cando están asinando no sector ERE's de xeito escandaloso. Os bancos destruíron emprego en tempos de bonanza, é falso que aceptar recortes garanta o mantemento dos postos de traballo.

Ante as nosas críticas pola destrución do emprego, a AEB contestounos que o importante non é garantir o emprego, senón que sobrevivan as empresas.

En definitiva, a AEB mantén a súa posición inicial. Están á espera da reforma do sector financeiro, da reforma laboral e da reforma da negociación colectiva, que por imposición da UE, Merkel e Sarkozy, levará adiante o novo Goberno do PP.

O pasado 14 de novembro comezamos as mobilizacións polo Convenio, pero dado que o bloqueo da negociación depende en gran parte das futuras contrarreformas (ás que daremos contestación na medida que atenten contra os dereitos laborais e sociais), estamos á espera. Pero non hai motivos para aceptar conxelacións salariais, perdas de dereitos, nin medidas traumáticas.




Convenio Galego Xa!
Comunicado 111216 [.pdf • 32 Kb]


Ningún comentario: