Estase a cargar, agarde un momento por favor!

5 de xullo de 2011

Saltando fogueiras


Cacharela na noite de San Xoán en Compostela. Foto: JPereira  Cacharela na noite de San Xoán en Compostela.
   Foto: (ccJPereira
É que nos gustan as festas tradicionais, e claro, polo San Xoan (e se podemos o resto do ano), no BBVA saltamos fogueiras, o malo é que non se trata tanto de facer unha limpeza espiritual como o de procurar non saír queimados/as con tantos lumes abertos ao redor.
A crise déixanos por estas datas os resultados do primeiro semestre: 1.150 millóns de euros, e publican os datos con optimismo, así que poderemos marchar con tranquilidade de vacacións...


Pero claro, é que unha cousa é o que publican os xornais e outra moi distinta, o día a día a pé de trincheira (quixemos dicir, oficina).
Sempre para mellorar o servizo e atender mellor á clientela, BBVA implementou a nova plataforma, esa que non funciona, pero que non a dan para atrás ata que a melloren, non, a deixan, así todos e todas nos, xunto coa clientela, podemos practicar meditación contemplativa fronte aos terminais que non funcionan.

Din as malas linguas que o problema está na capacidade das liñas informáticas, pero Cómo vai ser iso? Se fora iso xa o terían arranxado Non si?.
Sabede que levamos as vosas queixas sobre este tema ante os responsables do departamento de Recursos Humanos da nosa Territorial, polo que agora xa vos podemos confirmar que saben que está a haber problemiñas, pero que claramente as cousas van a mellor, e que o importante é que se está a facer un grande esforzo.

A nós tamén nos gusta esa actitude tan positiva, así que propoñemos que á hora de avaliar o noso labor, cando non se dean acadado os obxectivos porque é imposible cos medios de que nos dotan, nos dean todos os puntos por estar a facer un grande esforzo, o que ademais é a verdade, porque para poñerse cada día ao fronte da carreira de obstáculos na que se está a converter o traballo cotián, fai falla valor.

Por se non chega, nalgunhas oficinas acenden e o apagan o aire acondicionado dende Madrid. Debe ser para fomentar o espírito de equipo e que non podamos discutir sobre quen o apagou ou o acendeu. Ou iso ou andan a experimentar coa nosa resistencia ás temperaturas extremas, vaite a saber.

En fin, que como cada ano, o verán promete unha chea de festas, en especial o mes de agosto, en que marchan os xefes e xa, por non haber, non haberá nin quen tome as decisións.
Nós seguiremos aquí, saltando fogueiras todo o verán, así que contádenos o que vos preocupe, que miraremos de arranxalo ou alomenos faremos un gran esforzo.

Agora en serio, lembrade que están a intentar rebaixar os nosos dereitos laborais cando nunca o persoal da banca tivo que traballar tan duro e con medios e directivos tan ineficaces.

Contade con nós, non perdades o sentido do humor, e sobre todo, non vos queimedes!

Bó verán!


Comunicado 110627 [.pdf • 28 Kb]


Ningún comentario: