Estase a cargar, agarde un momento por favor!

25 de abril de 2011

O galego é a chave coa que abrimos o mundo

A plataforma cidadá Queremos Galego prepara un Acto Nacional pola Lingua baixo o título «O galego é a chave coa que abrimos o mundo» en defensa da lingua e da cultura galegas. Artistas musicais e personalidades representantivas da nosa cultura daranse cita o 30 de abril na Sala Capitol, en Compostela para pór de manifesto que «a nosa lingua está viva e ten futuro».

Queremos Galego convoca a toda a sociedade galega para un acto que ten a pretensión de se converter «nunha auténtica festa da nosa cultura», unindo dúas perspectivas, a lúdica e a reivindicativa, como xa acontecera o ano pasado co gran macrofestival musical contra o decretazo celebrado en abril do ano pasado en Pontevedra.


A partir das 19:30 horas (CEST) comezarán as actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado, que se irán alternando coas palabras do actor Ernesto Chao, presidente de Escena Galega; a profesora e sociolingüísta Pilar García Negro; a escritora Teresa Moure; o escritor e académico Manuel Rivas; o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG); e, finalmente, Carlos Callón, presidente de A Mesa e portavoz nacional de .

O acto será conducido polo humorista e artista gráfico Xosé Lois González «O Carrabouxo», creador do «himno oficioso» da plataforma: o Mamá, eu quero galego, que millares de persoas corearon nas multitudinarias mobilizacións do último ano.

A plataforma porá nos próximos días á venda nos puntos habituais nas diferentes comarcas do país as entradas para o acto, que se venderán a 5  (tamén podes reservalas). O diñeiro recadado destinarase a seguir financiando as actividades de Queremos Galego.

Acto Nacional pola Lingua co lema «O Galego é a Chave coa que abrimos o Mundo»
Un verso do poeta Manuel María pon o título ao Acto Nacional pola Lingua.

Ningún comentario: