Estase a cargar, agarde un momento por favor!

3 de marzo de 2011

O Proxecto CORE

O pasado día 10 estivemos en Madrid. Alí nos contaron a grandes rasgos, o que xa vos contaron a todos e todas vós tamén: Que se reduce o equipo administrativo nas CBC e que as tarefas que se deixan de facer en oficina as realizará OP+.

A información, coma sempre, chega tarde, é insuficiente, e ás veces contraditoria. A maior inquedanza das persoas que poden estar afectadas é que vai pasar con elas, e cando: polo de agora nos confirman que en marzo non se incorpora ningunha oficina galega ao Proxecto, que a nosa Territorial prevé rematar o proceso en marzo de 2012, e que nos pasarán o calendario para os próximos meses en canto estea pechado.

Segundo o perfil das oficinas, desaparecerán un ou máis postos de administración e, dado que polo de agora non hai prexubilacións, o persoal será desprazado a outros postos, incluídos os equipos de cobertura e apoio a oficinas, para o que o departamento de persoal xa está a tantear as preferencias destas persoas.


Tendo en conta que están a crear un departamento de xestión remota en Santiago, parece que van deixar baleiros varios postos de comercial nas oficinas. Non parece casualidade.

Velaí as nosas recomendacións:
  • Deixade claras as vosas preferencias, ben sexan por función ou xeográficas.
  • Lembrade que a empresa ten que respectar o Convenio en materia de traslado.
  • Asesorádevos con nós se tendes dúbidas sobre os vosos dereitos.
  • Lembrade que tendes dereito a que vos acompañe un/unha representante sindical nas vosas entrevistas co departamento de persoal.
  • Se sufrides algún tipo de presión, contactade con nós.
  • O proceso vai ser longo. Tede paciencia e non adiantedes acontecementos, xa que non vos será de utilidade.

Seguiremos informando. Non deixedes de contactar con nós se tedes calquera dúbida.

 

Ollo co Novo Modelo de Incentivación!


Coas avaliacións aínda quentiñas, tamén nos falan en Madrid do Novo Modelo de Incentivación: disque orientan a consecución de obxectivos, xa non por produto, senón pola rendibilidade que os produtos xeran. Polo que se tratará de obter unha serie de puntos, pero xa non será tan importante os produtos cos que se acaden. De todos os xeitos, seguirá habendo campañas que non sabemos como computarán, e ninguén nos vai contar cal é o sistema «obxectivo» co que se asignará un valor determinado a cada tipo de produto (haberá que ver se non flutúan ao longo dos períodos...)


O certo é que o sistema, como non, presenta discrecionalidades que, segundo como se usen, poden prexudicar ou beneficiar a persoas ou oficinas e se pode facer bo ou mal uso delas: así, dende a Zona, pódenselle poñer máis ou menos obxectivos a oficinas da mesma categoría, e incluso modificalos ao longo do trimestre.
Asemade, a dirección da oficina pode poñer ata un 30 %  máis de obxectivos a xestores do mesmo nivel, e modificarllos ao longo do trimestre.
Entendemos que haberá circunstancias obxectivas que aconsellen a posibilidade destes cambios, pero tamén pode fomentar diferenzas arbitrarias baseadas en xuízos subxectivos, e dende logo non permiten nin ao traballador ou traballadora, nin á súa oficina, facer unha programación do traballo orientada a obxectivos.

Por suposto, non se establece ningún sistema de control interno para controlar estes posibles defectos, así que se estimades que tendes uns obxectivos inxustos, ou que volos cambian de xeito arbitrario ou abusivo, facédenolo saber.

Haberá que esperar a ver como funciona na realidade para poder ter unha opinión definitiva, pero dado que vai afectar ao voso expediente profesional e á vosa retribución variable, recomendámosvos que gardedes por escrito todo o que poidades, por se os cambios que vos fan vos resultan prexudiciais.

Por suposto podedes contar co noso apoio e asesoramento para o que precisedes.
Sabede que a nosa Sección presentou onte dous informes sobre os puntos que atopamos problemáticos do Proxecto CORE, e do novo modelo de Incentivación e dos seus procesos de comunicación e implantación. Se algún ou algunha de vós queredes ampliar información sobre estes temas, contactade con nós.

Aproveitamos para lembrarvos que a avaliación é o voso expediente de persoal, que o/a voso/a responsable ten a obriga de explicárvola e que debedes protestar se non estades de acordo con ela, para o que, coma sempre, podedes contar coa nosa axuda.

Comunicado 110302 [.pdf • 32 Kb]
 
 

Ningún comentario: