Estase a cargar, agarde un momento por favor!

13 de decembro de 2010

Botando a vista atrás IV: Os cambios que trouxo o Proxecto CLIMA

Mobilización no BBVA en Lugo
Mobilización no BBVA en Lugo
O caos reinou dende a mesma reunión na que de súpeto BBVA redistribuíu o traballo en CBC’s, e en moitos aspectos segue a ser así: As comunicacións de cambios substanciais nas condicións de traballo e da súa organización, fixéronxe de xeito verbal e inconcreto, convertendo a desinformación e a falla de uniformidade nas actuacións, no noso pan de cada día.

Fanse cambios nas aplicacións (que dan erros constantemente) sen dar formación suficiente, ou se instalan dispositivos sen respectar as normas de Prevención de Riscos Laborais, comezando pola falla do preceptivo informe previo á instalación.
Xa no 2008, a Inspección, ante a nosa denuncia, sancionou á empresa por cometer infracción grave ao non comunicar esta reestruturación de persoal segundo a Lei.

A suposta versatilidade das CBC para cubrir postos vacantes por baixas ou vacacións, converteuse nun abuso de “voluntarios” e “voluntarias” que teñen que deixar de cumprir os seus obxectivos para paliar deficiencias dun sistema que non llo recompensa. Iso por non falar de que, para chegar a unha oficina que estea, por exemplo, a 50 quilómetros, pretendan que aumentes a xornada laboral ou que poñas o teu vehículo á disposición da empresa, quen non o terá en conta se tes un accidente “in itinere”.

Conste a nosa insistencia en que para estes aspectos, debe establecerse un sistema de compensacións estándar negociado por empresa e sindicatos, pero a abraiante falla de interese do resto da representación sindical e a política do caos implantada polo BBVA (da que é único beneficiario) fan que a día de hoxe, as nosas propostas non foran escoitadas.

Con todo, non nos imos render, e pediremos onde faga falla que se nos escoite e que se respecten os nosos dereitos e non se fomente a diferenza e a discriminación como se está a facer hoxe en día, cun sistema en que a lotería da oficina ou CBC na que caias, determina que esteas nun posto de traballo ou no mesmo inferno.

Tamén queremos salientar o noso apoio aos colectivos de novas contratacións e ás persoas con contratos temporais e de ETT, vítimas directas da implantación do CLIMA:

• Ao primeiro, queremos dicirvos que o trato que estades a recibir da empresa non é o adecuado e que, polo feito de chegar de últimos/as, ninguén ten dereito a abusar. Xa temos reclamado por estes motivos, e o seguiremos a facer. Contade con nós e contádenos os vosos problemas.

• Ao segundo, lembrarvos que sodes persoal do BBVA e, polo tanto, de banca, e que tedes os vosos dereitos coma calquera. Como sabedes, pedimos o ano pasado que vos fixeran fixos/as cando menos a parte do voso colectivo, e que aínda que non o logramos daquela, seguimos na loita ante á Administración. Cremos que se debe mellorar a vosa situación laboral, e queremos que contedes con nós para o que precisedes.

Ningún comentario: