11 de novembro de 2010

Cachados incumprindo

Tres Informes da Inspección de Traballo requiren a BBVA na Provincia de Pontevedra para transformar en indefinidos contratos en fraude de lei.
O pasado día 8 de novembro, a Inspección de Pontevedra remítenos informes sobre as oficinas de A Estrada, Lalín e Agolada, nos que require ao BBVA para que transforme en indefinidos varios contratos temporais, que se atopan en fraude de lei por distintos motivos.

Como xa denunciaramos no seu día, a escaseza de persoal e a falla de contratacións para postos estruturais, fixeron que compañeiros e compañeiras aos que adoitabamos ver un ou dous meses ao ano, e que remataban por atopar outros traballos máis estables, leven concatenando contratos temporais ata esgotar os límites legais ano tras ano, e xa forman parte dos nosos cadros de persoal.

Persoas para as que dende a nosa Sección Sindical reivindicamos, fai agora un ano, o dereito a que se lles recoñecera o labor realizado mediante unha estabilidade laboral que xa deberan ter dende hai moito tempo.

Como sabedes, a empresa non atendeu a nosa petición, e o pasado mes de abril, puxemos esta situación formalmente en coñecemento da Consellería de Traballo, para que de xeito coordinado dera parte á Inspección de Traballo xunto cunha relación de oficinas de BBVA en Galiza, das que sabíamos nas que se estaba a dar esta irregularidade de xeito reiterado.

Como resultado, hoxe sabemos que alomenos en tres oficinas xa se atoparon con contratacións en fraude de lei, como recoñece a Inspección de Traballo, e de seguro que non serán as únicas. Esperemos que os informes neste sentido se fagan extensivos a todos os casos que existen.

Que fará a empresa?
Se segue na súa liña, seguramente, recorrer.
E a nosa Sección Sindical?
Nós imos seguir polo camiño de defender os dereitos de todos e todas os traballadores e traballadoras da empresa: Fixos e temporais, de recente incorporación o con décadas de antigüidade.

E farémolo con todos os medios dos que dispoñamos e respectando a legalidade, o que, como se desprende dos informes da Inspección, BBVA non fai.

Se tedes calquera dúbida sobre a vosa situación ou os vosos dereitos, non deixedes de contactar cos vosos e vosas representantes sindicais.

Contade co noso apoio!



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: