Estase a cargar, agarde un momento por favor!

10 de xuño de 2010

A CIG convoca manifestacións o 17 de xuño

mobilízate contra a nova reforma laboral!Milleiros de persoas perderon o seu posto de traballo dende o inicio da crise grazas as altas taxas de temporalidade, ERE's e despedimentos individuais e colectivos; agora está en marcha unha reforma laboral para facilitar aínda máis os despedimentos; está anunciada unha reforma das pensións para outubro co fin de alongar a vida laboral; están en marcha recortes nos servizos públicos e aos pensionistas; anunciouse o incremento dos impostos indirectos (mantendo artificialmente baixos os impostos das rendas máis altas); hai un proceso de privatización e precarización dos servizos públicos (hospitais, ensino ou caixas de aforros); continúa a transferencia de renda e recursos públicos ás empresas (multimillonarios rescates bancarios; subvencións públicas ás empresas; pago público de infraestruturas que só interesan ás grandes empresas, etc.).

En definitiva, estamos ante unha crise que os mercados (é dicir, a dereita económica, política e empresarial) queren que paguemos os e as que vivimos do traballo.

Xa pagamos en tempos de bonanza: no laboral, pola implantación dun sistema de organización do traballo en precario (temporalidade, ritmos de traballo asfixiantes, longas xornadas laborais, redución dos salarios) e no económico, porque fomos as vítimas da especulación sobre os bens básicos (alimentos, vivenda, subministro de electricidade, gas e luz, etc.) que xerou a crise.

Dende o inicio da crise vimos reclamando un cambio de modelo económico que habilitase unha saída social. Pola contra, utilizan a crise como escusa para implantar un modelo económico e social que a maioría democrática da cidadanía rexeita.

Por todo isto, a CIG convocamos mobilizacións de protesta e propuxemos a convocatoria dunha en varias ocasións dende o inicio da crise. Entendemos que é preciso pasar a ofensiva, para que non utilicen a crise para implantar un réxime económico e político lesivo para os intereses da maioría.

O vindeiro 17 de xuño os traballadores e traballadoras de toda Galiza estamos chamados a manifestarnos coa CIG.


Vigo, 20:00 h., Vía Norte
A Coruña, 20:00 h., Praza da Palloza
Santiago, 20:30 h., Praza Roxa
Pontevedra, 20:30 h., Praza de Ferrería
Ferrol, 20:00 h., Avenida de Esteiro
Lugo, 20:00 h., Parque de Frigsa
Ourense, 20:00 h., Pavillón dos Remedios
Vilagarcía de Arousa, 20:30 h., Casa do Mar

Ningún comentario: