Estase a cargar, agarde un momento por favor!

11 de maio de 2010

No BBVA teremos un plan de “Igual Dá”

Igualdade!
O día 5 de maio tivo lugar a última reunión do Plan de Igualdade de BBVA. Como xa saberedes, o comunicado dun dos sindicatos asinantes, a última hora da mañá, dábanos a coñecer o que pasaría pola tarde, cando aínda nos atopabamos reunidas as representacións sindicais e a empresa.

Durante todo o proceso, BBVA amosou unha postura inmobilista, dando a aparencia de levar a cabo unha negociación mediante a convocatoria de reunións en Madrid, a veces co único obxecto de facernos entrega dunha proposta.

Se ben houbo momentos de intercambio de información e propostas co resto da Representación Sindical, o certo é que coa empresa, non houbo en ningún momento unha comunicación fluída, comezando xa polo feito de contratar a unha consultora a elaboración dun diagnóstico facilitándolle datos parciais acomodados aos plantexamentos da empresa.

O texto presentado pola empresa, dende o inicio ata o día de hoxe, non define obxectivos nin medidas a aplicar, nin asume compromisos para garantir os avances necesarios para acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Ante semellante perspectiva, e partindo da base de que nós estamos na loita para a procura da igualdade real entre mulleres e homes, non nos chega coa aparencia, non podemos ser cómplices na sinatura dun documento que aínda que baixo o título de Plan, non recolle contidos reais e avaliables que permitan traballar e conseguir avances neses eidos.

Farémosvos chegar a resposta da nosa Sección Sindical á empresa ante os termos nos que se fai esta sinatura, así como un análise pormenorizado das carencias e defectos do documento asinado.

Loitaremos para tentar acadar revisións ao respecto, e obter a información precisa para detectar as desigualdades, así como a nosa inclusión na Comisión de Seguimento, da que nos exclúen automaticamente por non asinar o texto.

Desgraciadamente, parece que a concienciación da maioría dos sindicatos e da empresa neste eido, é moitísimo menos ambiciosa que a nosa.

Acúsannos de ser o sindicato do non... cremos que tal como vai a empresa, vai ser que é unha postura máis razoable que ser un sindicato de “si a todo”.

Ao final temos plan, pero de IGUAL DÁ. Esperamos contar con todo o voso apoio nesta loita.

Contactade coa vosa representación sindical ante calquera dúbida ou problema.

Ningún comentario: