Estase a cargar, agarde un momento por favor!

15 de marzo de 2010

Intervención na xunta xeral de accionistas 2010


A delegada sindical Teresa Richard, na xunta xeral de accionistas 2010Teresa Richard na súa intervención perante a Xunta Xeral de Accionistas

O día 12 de marzo tivo lugar en Bilbao a Xunta Xeral de Accionistas do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria. A nosa compañeira, Teresa Richard, delegada sindical da CIG, nomeada portavoz da Sección Sindical, fixo unha intervención para trasladar ao Consello de Administración e ao accionariado do banco as preocupacións e reivindicacións dos traballadores e traballadoras da empresa.


Criticamos a continuación do plan de reconversión co que está a destruír milleiros de postos de traballo no Estado, exteriorizando servizos do banco mediante a subcontratación de empresas (que non son do sector financeiro), tanto no propio Estado como noutros países como Perú, Arxentina, Chile, México, etc..., nas que se xestionan e manexan os datos da nosa clientela.
Este plan foi denunciado por nós dende o seu inicio, mantendo contactos coa Consellería de Traballo, interpoñendo denuncias na Inspección, realizando distintas mobilizacións en toda Galiza e comunicacións aos medios e á cidadanía en xeral.


Nesta Xunta Xeral, aprobouse unha nova compensación económica para o Consello de Administración da que non se deron detalles, ao tempo que o presidente do BBVA, informou de que está prevista unha nova fase de reconversión do banco, así como que teñen unha dotación presupostaria de máis de 500 millóns de euros para realizar novas prexubilacións de persoal.
Tamén fixemos referencia, unha vez máis, ao trato que se lle segue dando ao idioma galego en contraposición ao que reciben outros idiomas, tendo incluso o banco retirado a cartelería en galego.


Denunciamos tamén outros problemas, que xa veñen de antigo pero día a día son máis graves no que respecta ao trato ao persoal: presión comercial, prolongación ilegal da xornada, falsa política de conciliación da vida laboral e persoal, obxectivos desorbitados, etc...


É de salientar especialmente que, no momento de crise actual, o BBVA segue aumentando as remuneracións da súa cúpula directiva e deixando sen traballo a milleiros de traballadores e traballadoras, ao tempo que diminúe a calidade do servizo prestado pola empresa.



Intervención na Xunta de Accionistas



Señoras e Señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demais asistentes a esta Xunta, bos días.


Son Teresa Richard, empregada e accionista do BBVA, e represento á Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega en BBVA, sindicato de representación maioritaria en Galiza. Este ano, aínda máis que en ocasións anteriores, temos que destacar o trato discriminatorio que se lle dá ao idioma galego fronte a outros idiomas autonómicos, (retirando incluso a cartelería en galego).


Lembren que como persoal do grupo, e dado que o noso traballo no BBVA é o noso medio de vida, somos o colectivo máis interesado en que a empresa sexa rendible, estea ben xestionada e que a súa imaxe de empresa moderna e comprometida coa sociedade sexa algo máis que unha pantalla publicitaria.


Nesta edición da Xunta, na que como puntos a aprobar temos a renovación do Presidente e o seu Consello de Administración, así como unha nova compensación económica da que non dan ningún tipo de detalle, queremos resaltar algúns aspectos polos que estimamos que a súa xestión non merece o apoio e a confianza do accionariado.


· Mentres a cúpula do banco segue a propoñer e a repartirse substanciosos incentivos en accións, o persoal segue perdendo poder adquisitivo.


· Mentres o noso presidente pretende permanecer no seu cargo ata os 70 anos, BBVA segue prexubilando e ofrecendo baixas incentivadas a persoal que rolda os 50.


· Mentres no Estado español se reduce substancialmente o cadro de persoal do Banco, aumentan en Perú, Chile, México, Arxentina ou Uruguai, por citar algúns exemplos, as empresas subcontratadas que xestionan e manexan os datos dos nosos clientes.


· Mentres BBVA financia a liga de fútbol profesional ou fai ostentosas doazóns, reduce a xornada de traballo ao colectivo do persoal de limpeza das oficinas, coa conseguinte redución de salario.


· Mentres BBVA mantén reunións cos sindicatos sindical facendo ver que negocia un Plan de Igualdade, e presume de ser pioneiro en conciliación, séguese traballando fóra do horario, hai comidas, cursos e reunións de case obrigada asistencia, e incluso se organizan actos de promoción en fin de semana aos que se «suxire» asistir.


· E por último, outra gran mostra de conciliación ao tempo que de aforro, é destinar ao persoal recentemente contratado a distancias que superan os 500 quilómetros dos seus lugares de orixe, o que supón ter que pagar complementos de vivenda.


En resumo, continúase cunha política de espremer ao persoal a un ritmo que terminará pasando factura á entidade, e no que se retribúe o esforzo de maneira moi desigual entre unha cúpula directiva, que nos sae moi cara, e o groso do cadro de persoal.


E iso, aínda que xa estea máis que demostrado que a presión desmedida, os horarios interminables, os obxectivos desorbitados e a desproporción nos incentivos, non son o modo de mellorar o rendemento no traballo. O persoal satisfeito rende máis e, sen dúbida, optimizar o rendemento repercutiría nun mellor funcionamento da Entidade.


Estas son as nosas razóns para afirmar que o Consello de Administración non está facendo unha xestión adecuada e cremos que, ou renova os seus plantexamentos, ou debe permitir que a dirección do BBVA recaia noutras persoas cunha visión diferente.

Ningún comentario: