Estase a cargar, agarde un momento por favor!

27 de xaneiro de 2010

Ola xoves polo serán, adaptación a un mal acordo

Pechado o acordo case ao son das badaladas do cambio de ano, e a piques de rematar o mes de “proba” no que o banco espera que por si só se axuste un acordo que legaliza a desregulación do horario, chega o momento de facer a nosa valoración.

En primeiro lugar, e como xa vos informamos, o acordo non aporta vantaxe algunha para o persoal, xa que as horas que temos que traballar son as mesmas, dos cartos que aforra BBVA non nos cae nin unha miguiña, e abre unha porta moi perigosa cara a indefinición no terreo do horario de traballo.

Estes e outros defectos do acordo, e do proceso que levou á súa sinatura, foron denunciados por nós xunto con CGT, ELA, LAB e Atexbank mediante un documento conxunto.

Polo de agora, como saberedes, en cada unidade están a facer o que poden, xa que o baleiro normativo que se acada co acordo, sempre pendente dos supostos “mutuos acordos” cos xefes e abraiante.

Pola nosa parte e mentres que a cousa non se aclara (se é que o fai), cremos que o principal é non consentir que este acordo se converta nunha escusa para facer máis horas das legais. De seguido, a nosa primeira guía:

1. Sempre en xoves: Se ides á tarde sempre en xoves dentro dos horarios que marca o acordo, non haberá dúbida sobre que cumprindes o horario e non facedes horas de máis.

2. O “mutuo acordo” por escrito: Se precisades dun horario distinto por temas persoais, pedídeo, pero facédeo por escrito e pedide a resposta pola mesma vía. Cando é ao banco a quen lle interesa, ben que o fai. E, por suposto, se vos poñen algunha pega neste aspecto, por favor, facédenolo saber.

3. Documentade o tempo traballado: Unha solución que están a adoptar nalgunhas oficinas é anotar a hora de entrada e saída tanto ás mañás como ás tardes, o que pode ser moi útil para compensar o alongamento das xornadas ás mañás. Dita anotación pode ser realizada tamén nas follas de asistencia, e vos lembramos que é obrigatorio ter libros de horas extras nas oficinas.

Co tempo iremos vendo que se lle vai ocorrendo á xente para autoregularse ou como a empresa trata de facer que esteamos no banco todas as tardes e volo iremos comentando. Comentádenos no correo ou no blog as vosas experiencias sobre o tema e non dubidedes en contactar con nós se xorde calquera problema ou presión.

Ningún comentario: