22 de decembro de 2009

Reunión coa UTRH noroeste

O día 1 de decembro reunímonos coa responsable de Relacións Laborais da nosa Territorial. É habitual que manteñamos conversas coa empresa, pero nesta ocasión estaba pendente unha reunión co Xefe de RRHH, que non se celebrou polo inminente cambio de titular nese posto, que terá efectividade o primeiro de ano. Por esta razón e pola importancia dos temas que se trataron, cremos que vos debemos dar cumprida información do sucedido na mesma.

• Comunicámoslle á empresa a nosa preocupación tanto pola concatenación de contratos temporais en postos estruturais que vén tendo lugar en moitas oficinas galegas, como pola entrada de persoal de nova incorporación, xa que cremos que é de xustiza incorporar ao persoal que, cumprindo cos requisitos académicos, xa ten experiencia e moi boas referencias dentro da empresa, fronte a xente cuxa avantaxe para o banco, non é outra que a xuventude, que lles permite ter acceso a subvencións.

A CIG, como prometeu, fará o que estea na súa man para defender os dereitos deste colectivo e procurarlles a estabilidade laboral que durante tanto tempo se lles negou.

• Outro tema xa recorrente, é o das Revisións Médicas e o sistema de convocatoria, creado, claramente, para dilatar ou incluso non realizar as probas, xa que se o traballador ou traballadora non está pendente ou non reclama de xeito particular, queda sen facer a revisión.

Expresadas as nosas queixas e comunicadas por escrito tanto aos departamentos de saúde laboral e a RRLL, faremos un último intento para que o BBVA reconsidere o tratamento que como cliente está a recibir da Mutua, que non cumpre co seu labor, polo que vos pregamos que aqueles e aquelas de vós, que vos atopedes con calquera tipo de irregularidade no proceso, contactedes con nós e nolo comentedes.

• Sobre o tema dos DESPRAZAMENTOS DE PERSOAL DENTRO DOS CBC, xa comentaramos no seu día algunhas recomendacións para que a empresa faga o mínimo uso e abuso do noso tempo, a nosa saúde e os nosos vehículos: POR FAVOR CONTACTADE CON NÓS ANTE CALQUERA DÚBIDA OU PROBLEMA QUE VOS PLANTEXEN, E PEDIDE COMPENSACIÓNS POLO TEMPO E A QUILOMETRAXE.

Prometeron tamén xa hai meses aportar a Póliza de accidentes que supostamente cubre a eventualidade dun accidente “in itinere” para estes casos, que teremos que solicitar por escrito visto que aínda non foi aportada. Tan pronto como a teñamos volo faremos saber.

• Dado o problema que as longas colas e a escaseza de persoal supón en tantas oficinas, estamos á espera de que nos comuniquen as medidas que se van tomar nas oficinas que lles sinalamos como máis gravemente afectadas.

Nalgunha oficina, ao parecer, contratouse persoal coa misión específica de redireccionar xente aos caixeiros automáticos. Cremos que esta medida é insuficiente.

• Comentamos que segue a existir un problema estrutural na instalación de todo tipo de dispositivos ou reformas en oficinas, xa que non só nunca se fai o preceptivo informe de riscos laborais, senón que a sensibilidade e coñecementos sobre este tema do departamento de inmóbeis é inexistente.

É moi importante que todos e todas esteamos atentos a que os aparatos que usamos a diario estean correctamente ubicados e instalados. COMUNICADE COA REPRESENTACIÓN SINDICAL ANTE CALQUERA PROBLEMA OU DÚBIDA QUE ATOPEDES NESTE EIDO.

Imos tentar que a empresa corrixa todas as instalacións incorrectas, aínda que será un proceso lento e complicado, pero estamos a falar de protexer a nosa saúde. Farémosvos saber os nosos avances.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: