Estase a cargar, agarde un momento por favor!

11 de decembro de 2009

Pechar sábados ou abrir tardes?

Hoxe, dez de decembro, tivo lugar unha reunión da Mesa de Relacións Laborais, sobre a negociación de Plan de Igualdade na que, de xeito sorpresivo, cando menos para a maioría dos sindicatos alí presentes, o BBVA presentou unha proposta de acordo para o peche de oficinas en sábado.

Dado o gran interese que o persoal amosa por esta reivindicación, non podemos menos que sacar esta nota urxente coas primeiras impresións sobre o tema.

En termos xerais, o acordo recolle o peche de sábados no 100% das oficinas a cambio dos xoves de inverno de 16:15 a 19:00, o que en principio supón que non reducimos horario nin un minuto, mentres que o Banco aforra enormes cantidades de cartos, estimadas como xa vos comentabamos nun 20 millóns de euros de gasto anual.

No apartado de «peros» podemos salientar os seguintes:

* O persoal Directivo e Comercial poderá modificar o seu tempo de traballo para conxugar as súas necesidades de conciliación de vida familiar, persoal e laboral, sempre que queden debidamente atendidas as necesidades do servizo.
* Acórdase que poida haber outros horarios especiais ou flexibles ata un máximo dun 5% das oficinas.

Sen entrar noutras valoracións, dende a CIG xa temos expresado o noso sentir sobre asinar acordos que supoñan pasos atrás ou renuncia a dereitos adquiridos, ou coma no caso que nos ocupa, que un gran beneficio económico para a empresa non teña compensación en redución das horas traballadas.

A proposta do banco será valorada pola Sección Sindical, e facilitarémosvos toda a información referente á mesma e ás conversas que se poidan levar a cabo sobre este tema, tanto co resto da representación sindical como coa empresa, coa que xa hai unha nova reunión anunciada para antes de que remate o ano.

Ningún comentario: