27 de outubro de 2009

Ascensos de capacitación

Un ano máis, foi fixada a data na que terán lugar os exames de ascenso a Niveis VIII, IX e X. As comunicacións que inician o proceso son GR.09.001 (Niveis IX e X) e GR.09.002 (Nivel VIII), e a das listas de admisión aos exames GR.09.003 e as podedes consultar a través de e-spacio.

A data do exame será o martes 17 de novembro de 2009 no NH Atlántico, na rúa Xardíns Méndez Núñez, s/n. - A Coruña, e coma sempre estaremos presentes para comprobar que o proceso transcorre segundo as normas.

O exame, coma en anteriores convocatorias será tipo test con 4 posibles respostas por pregunta e só unha válida. Haberá 3 versións do exame para cada nivel coas mesmas preguntas en distinta orde.

• NIVEL VIII.- 60 preguntas de 9:30 a 12:00 (2’30 horas).
• NIVEL IX.- 60 preguntas de 12:30 a 15:00 (2’30 horas).
• NIVEL X.- Non terá lugar o exame ao non haber ninguén que se vaia examinar.

Non esquezades que na presentación ao exame é necesaria a acreditación por medio de DNI, Pasaporte ou Carné de Conducir, xa que é requisito indispensable para o acceso ás probas. Non se permite o uso de calculadoras.

Unha vez comezado o exame poderán incorporarse persoas que cheguen tarde á proba mentres que non saíra ninguén da aula. Para evitar molestias non se permite a saída ata pasados 30 minutos para o exame de niveis IX, e 1 hora para nivel VIII.

Para optar á praza, a puntuación mínima para calquera dos niveis será de 5 puntos.

As relacións de aprobados e aprobadas terán que ser expostas na Territorial na primeira quincena de decembro de 2009 e haberá 10 días dende a súa publicación para posibles reclamacións.

Os gastos de viaxe son, outra vez, inxustamente restritivos:

• COMIDAS: Só para opositores/as fóra da praza do exame. Máximo de 12,02 euros.

• VIAXES: Só para opositores/as fóra da praza do exame. Usaranse medios de comunicación públicos. Excepcionalmente e por ausencia destes, se tivera que desprazarse no seu vehículo particular, compensará o gasto a 0,24 euros/km. exclusivamente e só se a distancia entre o centro de traballo e o de exame é máis de 25 quilómetros. É dicir, que non teñen pensado pagar nin peaxes nin aparcamentos.

• ALOXAMENTO: Só para concellos moi lonxe da praza do exame. Para reservar hotel, tedes que solicitalo por correo no buzón U080024.

Recomendacións ás persoas interesadas:

1. Buscade as combinacións viables en transporte público tendo en conta, naturalmente o desprazamento dende a estación de tren ou autobús ata o hotel e ata o lugar do exame (lembrade que os taxis son transporte de uso público). Tede en conta que non vos van pagar peaxes nin aparcamento, polo que seguramente sairavos moito máis a conta o transporte público, aínda que é fácil que vos obrigue a pernoctar na Coruña debido aos horarios.

2. Dado que este exame é un dereito recoñecido no Convenio, non debera supoñer gasto algún para o persoal, polo que preguntade por correo se vos van pagar os gastos e se volo denegan, contactade con nós.

3. En caso de dúbida podedes contactar coas persoas responsables do Centro de Formación para evitar problemas (U080024).

4. Contactade cos/coas vosos/as Representantes Sindicais no caso de atopar problemas de calquera tipo. Tentaremos axudar.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: