26 de setembro de 2009

Queremos pechar os sábados


Ante os insistentes rumores sobre a posibilidade de que algunhas forzas sindicais estean preto de pechar un acordo para pechar os sábados, e tendo claro que a día de hoxe non existe unha mesa de relacións laborais na que, de xeito oficial, se estea a negociar este tema no BBVA, temos que puntualizar unha serie de feitos para deixar claro cal é a situación real.

O peche de sábados en banca é unha reivindicación histórica da CIG, e queremos que se acade axiña dita situación pero non a calquera prezo, polo que a nosa postura foi, é, e será que calquera acordo ao que se chegue ten que respectar uns mínimos:

• NON Á DESREGULACIÓN HORARIA: Cando non hai uns mínimos claros e para todo o mundo por igual, é moi difícil facer respectar os dereitos.

• NON Á AMPLIACIÓN HORARIA: Non é aceptable que a xente traballe máis horas cando o banco xa está a aforrar cartos ao pechar os sábados.

• MANTEMENTO DA XORNADA CONTINUADA: A introdución da xornada partida é unha volta atrás e unha perda de dereitos que ademais non contribúe en nada á Conciliación da vida persoal e laboral.

• MANTER OU MELLORAR A SITUACIÓN NOS MESES DE VERÁN: Non cremos que supoña nada bo aceptar modificacións que empeoren o horario dos meses de verán nas oficinas, polo que, para nós, deben quedar, cando menos, como están.

Por outra banda, tede en conta que a situación do Banco Santander non era a mesma que a de BBVA ao non dispoñer dun acordo que lles permitira, como a nós, librar a metade dos sábados. No Santander traballaban todos os sábados, polo que os termos da súa negociación han de ser, por forza, peores que os nosos.

Aínda así, asinaron unha perigosa cláusula que permite a case todo o persoal “flexibilizar” o seu horario: como sabemos, ninguén compensa as horas nin existe xeito de contabilizar as mesmas, polo que ao final, unha cláusula deste tipo o que fai é blindar a posición do banco fronte as posibles Inspeccións ou reclamacións polo fraude a Facenda, á Seguridade Social e as traballadoras e traballadores de banca polas horas extras traballadas sen remunerar.

Con todo, non ten ningún sentido para nós, que os rumores apunten a que as mesmas forzas sindicais que asinaron un acordo con xornada continuada para o Santander, estean a falar de que en BBVA se poida cambiar o sábado por unha tarde: Esperamos que non sexa máis que un rumor máis.

Non debemos perder de vista que o banco aforraría moitos cartos polo feito de pechar a porta os sábados (ademais das horas extras que xa aforra de pagar), tanto en gastos de infraestrutura, como de contratación de ETT's, e que parte de dito aforro, xa o obtivo co peche de parte das oficinas os sábados. Nunha negociación xusta, o cadro de persoal ten que obter algún tipo de beneficio, e un acordo que non o vexa así, non está a defender os nosos dereitos.

Finalmente, pedimos tanto a BBVA como ao resto da representación sindical, que sexan responsables e miren pola mellora das condicións das persoas que traballamos en BBVA, tendo en conta o enorme e continuado esforzo ao que nos someteron nos últimos tempos.
Por iso, témolo merecido, ¡queremos pechar os sábados!




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: