19 de xuño de 2009

Cunha concentración en Lalín retomamos as mobilizacións



Dende que comezou a reconversión de BBVA a mediados de 2007 co Proxecto Velázquez e o Proxecto Clima, na Sección Sindical da CIG viñemos opoñéndonos á súa implantación con todos os medios ao noso alcance.

Así, o 18 de xuño retomamos as mobilizacións que iniciaramos no 2008, nesta ocasión en Lalín, en protesta pola continuación do proceso de reconversión do banco, a destrución de emprego, o peche de oficinas, e as presións e carga de traballo coa que se está a saturar ao persoal no BBVA.

Entrementres, así está o banco e a súa cúpula:

  • 6.500 millóns de euros de beneficio en BBVA nos últimos 15 meses a pesares da crise.
  • 20 millóns de accións para os anos 2006 a 2008, e 60,5 millóns de accións para o período 2009 e 2010: Son as cantidades aprobadas na Xunta de accionistas 2009 para repartir entre a cúpula directiva.
  • 5,3 millóns de euros de salario e 72,5 millóns de euros acumulados no plan de pensións, é o que cobrou en 2008 o Presidente de BBVA.

E así está o persoal:

  • Dende xaneiro de 2008 ata marzo de 2009, van quince oficinas pechadas en Galiza con 140 empregos menos e trescentas no Estado español, con rebaixa de 2.170 postos de traballo. E van continuar os peches e a destrución de emprego, aínda que a rede galega xa fora minguada en anos anteriores, a pesares de ser a máis rendible e produtiva do Estado.
  • Xa se leva denunciado en numerosas ocasións que OP Plus non funciona ben, nin en Málaga nin en Perú, e que a deslocalización e externalización de servizos só aportan carga de traballo e reclamacións para nós.
  • Non hai bastante cobertura de postos por baixas ou vacacións.
  • Postos fixos de caixa ou de xestor administrativo estanse a cubrir con contratacións temporais, impedindo que xente formada e competente consolide os seus postos e cargando máis aínda de traballo ao persoal fixo, que periodicamente ten que formar ás novas incorporacións temporais.
  • Remata o Plan de Prexubilacións a partir dos 50 anos, no que ofertaban o 82% do salario conxelado ata a idade da xubilación real por resultar “caro” para o banco.
  • Ofértanse baixas “voluntarias” na empresa, realizando unha oferta económica para que o persoal abandone o posto de traballo.
  • Non consolidación de moitos dos contratados/as recentes, e non contratación de novos traballadores/as.
  • Ofértanse tamén novos modelos de suspensión de contrato cunha fiabilidade máis que dubidosa.
  • Presións, seguimentos especiais, auditorías ou aperturas de expedientes para que se acepten baixas, traslados ou outras modalidades de suspensión temporal de contrato.

Nembargante, o que lle preocupa ao banco é que non lles gusta o resultado da enquisa de satisfacción: ¿Quen podería estar satisfeito/a nestas condicións?

Ante esta grave situación, a CIG vai seguir coas mobilizacións e outras actuacións para denunciar o proceso de reconversión do BBVA e impedir a destrución de emprego, pero é cousa de todos e todas facer forza para acadar estes obxectivos.

Galiza, 19 de xuño de 2009

Non á reconversión do BBVA

Nin externalización nin deslocalización

Polo mantemento dos postos de traballo na nosa terra

A mobilización nos medios: La Voz, e no Faro de Vigo





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: