Estase a cargar, agarde un momento por favor!

7 de maio de 2009

Manifestación o 12 de maio contra a reconversión do sector financeiro


Dende o pasado ano máis de 100 centros de traballo de Entidades financeiras pecharon as súas portas en Galiza. Bancos e Caixas de Aforros, malia recibir 150.000 millóns de euros de axudas públicas están destruíndo emprego, tanto pola non renovación dos contratos temporais, como a través de despedimentos disciplinarios ficticios.

A Federación de Banca e Aforro da CIG ten convocada unha manifestación nacional de delegados/as do sector financeiro para o vindeiro día 12 de maio na cidade da Coruña. A manifestación comezará as 11:30 horas diante da Delegación do Goberno en Galiza e rematará diante do Banco de España.

Dende a CIG denuncian que as Entidades financeiras están recibindo inxentes axudas públicas para evitar a quebra do sector, debido a mala xestión das cúpulas directivas e a falta de control e supervisión por parte do Estado e do Banco de España. De aí que a mobilización comece diante da Delegación do Goberno e remate diante da institución dirixida por Fernández Ordóñez.

As axudas a Bancos e Caixas non están chegando ao tecido produtivo, pero enchen os petos das altas direccións que continúan cobrando salarios de escándalo, enchen os petos dos accionistas, e tamén están sendo utilizadas para subvencionar os despedimentos en Bancos e Caixas de Aforros.

Fronte ao actual e ineficaz sistema de axudas públicas a Bancos e Caixas, a CIG reclama que se é preciso aportar fondos públicos para evitar a quebra do sistema financeiro, as Entidades sexan nacionalizadas co fin de constituír unha Banca Pública.

Ningún comentario: