Estase a cargar, agarde un momento por favor!

23 de xaneiro de 2009

Avaliacións 2009

Coas catalogacións xa feitas, aínda que non liberadas, as avaliacións están ao caer, e o que nelas vai quedando reflectido, pode ter moita importancia no noso futuro profesional en vista da política de redución de persoal que, dende mediados de 2007, se vén aplicando no BBVA.

De feito, dende o comezo de 2008 ata o 30 de setembro, houbo 1.475 baixas por causas diversas no Estado español, e sabemos que a maioría das prexubilacións tiveron lugar no último trimestre do ano... botade contas...

Está claro que o banco quere aforrar cartos a conta dunha parte do cadro de persoal, mentres outra, 1.780 altos executivos/as, se reparte 133 millóns de euros en accións e ao tempo, non se rexeitan cartos públicos para afrontar “a crise”.

En primeiro lugar temos que salientar que A CATALOGACIÓN é un xuízo persoal do/a responsable que nos tocou, polo que en moitos casos A VALORACIÓN DA NOSA “ACTITUDE” (concepto bastante ambiguo de por si), dependerá DE CRITERIOS ESTRITAMENTE SUBXECTIVOS, de quen catalogue ou incluso do seu superior.

Sabede que unha catalogación de REGULAR ou MALO, supón directamente que non recibes remuneración extraordinaria algunha, independentemente de que os teus resultados na avaliación sexan bos ou non. Ademais de que, tal como están as cousas, pode ser o motivo de estar na lista de xente a propoñer baixas incentivadas, movementos funcionais ou xeográficos, etc.

Levamos anos lembrándovos que do resultado da avaliación e a catalogación non só dependen os cartos extras que poidades cobrar, senón que para a empresa conforma o voso EXPEDIENTE PROFESIONAL. Agora, quen se deixara facer malos informes inxustamente en anos pasados podería pagar as consecuencias. Reclamade sempre que non esteades conformes.

Esixe ao teu/túa responsable que che faga a entrevista preceptiva: É a súa obriga, e terá que explicar en que basea os seus xuízos. Se non o fai, fala coa representación sindical. Dende RRHH insisten en que todo o mundo fai a entrevista, e se escudan en que ninguén lles di o contrario.

Non aceptes que o teu/túa responsable diga que puxo unha valoración que cre inxusta baixo presións ou que a modificou outra persoa: SE A ASINA É A SÚA RESPONSABILIDADE, pero é o teu futuro o que está en xogo.

Reclamade POR ESCRITO ante calquera puntuación ou cualificación que estimedes inxusta. Tamén a empresa deixa as avaliacións e outros xuízos por escrito cando lles interesa.

Contactade coa vosa representación sindical ante calquera dúbida ou problema.

Ningún comentario: